22 de decembro de 2012

Programa de Termalismo Social do Imserso



O Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade publicou no Boletín Oficial do Estado do 15 de decembro a convocatoria do Programa de Termalismo Social do Imserso. A través deste proporciónase aos/ás pensionistas acceso a prezo reducido en tratamentos que se prestan nos balnearios, cando o precisen por prescipción facultativa e sempre que cumpran determinados requisitos. 



Máis información:

18 de decembro de 2012

Bo Nadal!


A Asociación de Artrite de Santiago deséxavos a todas e todos unhas Felices Festas e unha boa entrada de Ano.
Nós manteremos o propósito de seguir traballando para a mellora da calidade de vida das persoas afectadas polos diferentes tipos de artrite, e para a sensibilización cara esta doenza. 
Os nosos mellores desexos...




7 de decembro de 2012

Convenio con Enma Mayo


Co interese de levar a cabo unha iniciativa coa que se promova un servizo de atención psicolóxica ás persoas asociadas a un prezo máis vantaxoso do que custaría a nivel particular, a Asociación de Artrite de Santiago vén de asinar un convenio con Enma Mayo.

Emma Mayo é psicóloga colexiada, especialista en psicoloxía clínica adicada a prestar servizos de terapia individual, terapia de parella, terapia familiar, intervención psicolóxica en casos de enfermidade crónica e/ou discapacidade, etc.

Os socios da AAS terán acceso aos servizos de tratamento psicoterapéutico prestados por esta profesional aplicándolles un desconto nos tratamentos psicoterapéuticos, de xeito que a primeira consulta costará 50 € e as sucesivas 40€.

O seu gabinete profesional está no Centro de Negocios de Santiago, C/ Rosalía de Castro, nº 1, en Santiago de Compostela.

Para máis información, podes contactar coa Asociación ou directamente con ela no seu despacho.

18 de novembro de 2012

Excursión a Lugo e Begonte, e xantar de Nadal

Xa estamos preparando a próxima actividade da Asociación, que será unha excursión de un día.
Sairemos dende Santiago con destino á cidade de Lugo, famosa polas súas murallas que datan da época romana. Nesta cidade visitarase o museo Provincial, a catedral de estilo románico do século XII, así como as súas prazas: Santa María, a Praza do Campo e a Praza Maior presidida polo concello. Destaca tamén as súas rúas comerciais: Rua da Raíña e a Praza de Santo Domingo.
Despois dun tempo libre, faremos o xantar de confraternidade de Nadal.
Pola tarde iremos a Begonte para visitar o seu famoso Belén articulado, un dos mellores beléns que hai non só en Galicia senón no noso país.

Regresaremos a Santiago con chegada aproximada ás 21:00 h.

Belén de Begonte

Data: Sábado 15 de decembro.

Muralla de Lugo
Información sobre prezos e reservas: Tlf. 659 084 950

As persoas socias da Asociación de Artrite de Santiago, beneficiaranse dun importante desconto
no prezo desta actividade.

 
O PREZO INCLÚE:


  • Autocar dende Santiago
  • Xantar
  • Seguro de viaxe
  • Guía técnico acompañante

Acompáñanos!

6 de novembro de 2012

Así foi a VIII Xornada Nacional de Artrite

Para celebrar o Día Nacional da Artrite, e baixo o lema "Nuestra marcha continúa", ConArtritis organizou actividades a desenvolver en diferentes puntos de España.

Santiago de Compostela, a través da Asociación de Artrite de Santiago, acolleu dous actos desta xornada, que tiveron lugar o día 1 de outubro. Foron dúas mesas informativas e a celebración da Xornada, tal como anunciamos no seu día.
A xornada espertou gran interese, e acudiron máis dun centenar de persoas. 
Algunhas fotos dos actos: 

XORNADA NACIONAL DE ARTRITE


MESAS INFORMATIVAS

8 de outubro de 2012

En novembro, volvemos ó baneario

Do día 4 ao 9 de novembro (de domingo a venres) iremos ao balenario de Laias Caldaria. Disporemos de:
  • Pensión completa (almozo, xantar e cea)
  • 6 días (5 noites)
  • Traslado incluído (ida e volta)
  • Asistencia médica
  • Programa terman individualizado
  • Programa de animación
  • Actividade de aguagym
  • Sendeirismo

Saída o 4 de novembro dende o Centro Sociocultural de Fontiñas (Santiago) ás 12:15 h.

A asociación subvenciona parte do custe da estancia, polo que o prezo pode variar dependendo do número de persoas que asistan.

Inscrición ata o 23 de outubro no teléfono da asociación (659084950). Despois desta data, informarase do prezo definitivo.

Deixamos unhas fotos de ocasións anteriores:

7 de outubro de 2012

Gran éxito do obradoiro Lograr un obxectivo

A campaña 'LOGRAR un Obxectivo', que se está levando cabo por diferentes localidades españolas, ten como finalidade proporcionar aos pacientes con artrite reumatoide ferramentas para alcanzar un mellor manexo da enfermidade. Desta forma, preténdese fomentar a participación activa dos pacientes axudándolles a definir os seus propios obxectivos persoais e do tratamento a curto e a longo prazo. Para iso, desenvolveuse un programa de exercicios e varios materiais para informar, aconsellar e dar pautas que axuden ao paciente e ao seu ámbito máis próximo, tanto persoal coma laboral, a mellorar a súa calidade de vida.


O primeiro obradoiro práctico para pacientes con Artrite Reumatoide da campaña "LOGRAR un obxectivo" celebrouse con grande éxito en Santiago de Compostela o pasado 19 de xullo. O obradoiro, que foi organizado pola Asociación de Artrite de Santiago, realizouse no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS).

Preto de 50 asistentes puideron resolver as súas dúbidas sobre a enfermidade grazas á charla informativa que impartiu a Dra. Eva Salgado, reumatóloga do CHUS. Ademais, participaron nunha sesión práctica que impartiu o fisioterapeuta D. Javier Martínez, onde puideron aprender os exercicios necesarios para mellorar a súa calidade de vida.


Un dos cadernos de exercicios empregados durante esta campaña, centrado en camiñar de forma saudable, pode descargarse dende a web de Conartritis

Ver caderno.



Deixamos unhas fotos do obradoiro celebrado en Santiago.

28 de setembro de 2012

Enquisa a pacientes de enfermidades músculo-esqueléticas

¿Diagnosticáronche unha enfermidade que afecta aos músculos, ósos ou articulacións (por exemplo artrite ou dor de espalda)?

Se a resposta é si, e tes máis de 18 anos, gustaríanos escoitar as túas experiencias vivindo coa enfermidade, o tratamento e os seus beneficios, a xestión do teu traballo e a problemática de encontrar traballo e saír del.


Podes trasladar esta información a través dunha enquisa realizada por Work Foundation e Fit for Work Europe, unha importante iniciativa europea que pretende axudar a quen padecen enfermidades musculo-esqueléticas para que poidan desempeñar un papel activo no traballo. 

Os resultados deste estudio poñeranse a disposición de profesionais médicos e sociosanitarios, Asociacións de Pacientes, gobernos e a Comisión Europea, co obxectivo de que as conclusións da enquisa contribúan a aumentar as axudas que reciben as persoas con enfermidades músculo-esqueléticas para que poidan seguir traballando ou volver ao seu emprego.

É importante conseguir a participación de moitas persoas, pois cantas máis contesten á enquisa máis consistentes serán os resultados e máis acertadas as conclusións. Por iso, animámoste a que mandes as túas respostas a través do cuestionario (non che levará máis de 15 minutos, dependendo das respostas que deas)


19 de setembro de 2012

Día Nacional da Artrite. A nosa marcha continúa

http://www.conartritis.org/wp-content/uploads/2012/09/cartel2012.jpgBaixo o lema “NUESTRA MARCHA CONTINÚA” e para celebrar o Día Nacional de Artrite (1 de outubro), a Coordinadora Nacional de Artritis, ConArtritis presenta un programa de actividades que se realizarán en diferentes puntos de España, para concienciar ás persoas con artrite da importancia de coñecer a súa enfermidade e manter unha vida saudable, así como intentar dar a coñecer á poboación en xeral o que supón convivir coa Artrite.

Como cada ano, as asociacións de pacientes que integran ConArtritis serán as encargadas de organizar as actividades da xornada nas súas respectivas localidades.

A Asociación de Artrite de Santiago levará a cabo os seguintes actos:


VIII Xornada Nacional de Artrite

Un encontro e un espazo de coloquio entre pacientes e expertos na materia.
  • Onde: Hospital Clínico de Santiago. Sala nº 1.
  • Cando: 1 de outubro. De 17:30 a 19:30 h.

Mesas informativas en hospitais

Onde se poderá encontrar toda a información para coñecer a enfermidade e resolver todas as dúbidas que se teñan.
  • Onde: Na entrada principal e consultas externas do Hospital Clínico de Santiago, e na entrada principal do Hospital Provincial de Conxo. 
  • Cando: 1 de outubro. Pola mañá.



15 de xullo de 2012

Vacacións


Do 16 de xullo a 3 de setembro pechamos por vacacións, polo que non se atenderá na sede da Asociación.


Disfrutade do verán!
Asociación de Artrite de Santiago



13 de xullo de 2012

Obradoiro: lograr un obxectivo

A Asociación de Artrite de Santiago organiza o obradoiro "Lograr un obxectivo", dentro dunha campaña co mesmo nome, impulsada por Conartritis e UCB.
O acto será presentado pola presidenta da Asociación de Artrite de Santiago, Marisa Balado, e intervirán a reumatóloga Dra. Eva Salgado e o fisioterapeuta D. Javier Martínez.

As persoas interesadas en participar deben confirmar asistencia no email info@artrite-santiago.org ou no teléfono 659084950 antes do . Tamén podedes enviar calquera dúbida relacionada coa artrite a info@artrite-santiago.org. A doutora Eva Salgado dará resposta a estas cuesións durante o obradoiro.

Onde: Hospital Clínico de Santiago. Sala nº 1 de docencia (1ª planta)
Cando: Xoves 19 de xullo. 18:00 h.

17 de xuño de 2012

Sociedade Española de Reumatoloxía


A Sociedade Española de Reumatoloxía (SER) contituíuse en 1948 co obxectivo de fomentar o estudo dos reumatismos e dos problemas médicos relacionados con eles. Na actualidade, dá soporte e servizo aos profesionais da Reumatoloxía, para que estes ofrezan unha mellor asistencia sanitaria a todas aquelas persoas aqueixadas deste tipo de enfermidades.

A pesar de que é un organismo especificamente dirixido á comunidade médica e científica, no seu portal web dispón dunha sección específica para pacientes e as súas familias. Recóllese neste espazo información de interese, como a sección "Conozca su enfermedad", preguntas frecuentes, os decálogos para pacientes, folletos e revistas...

10 de xuño de 2012

Vivir con artrite: consellos (26)


Terapias complementarias.
Existen outras técnicas, como a fisioterapia (exercicios e posturas que axudan á mobilidade e a reducir a dor), a hidroterapia (beneficios da auga, sobre todo se son mineromedicinais), o ioga, Tai Chi, o método Pilates (axudan á relaxación e a conseguir as posturas axeitadas)... que supoñen un suplemento aos tratamentos farmacolóxicos e conseguen efectos positivos complementarios.

Extraído de www.reumatologiasalud.es (Fundación Abbott)

4 de xuño de 2012

Un manual para facer Exercicio tendo Artrite reumatoide

A Coordinadora Nacional de Artrite, ConArtritis, coa colaboración de Abbott, lanzou un libro de axuda ao exercicio para persoas con artrite reumatoide, o primeiro manual que clasifica a rehabilitación en distintas fases en función do nivel de discapacidade e o perfil dos pacientes.

O manual está xa dispoñible en www.conartritis.org e www.reumatologiasalud.es. Este manual establece diferentes exercicios de distinta duración de acordo coa fase na que se encontre o paciente. Así, indica unha serie determinada de exercicios para aquelas persoas que se encontren en fases precoces da enfermidade, é dicir, que teñen capacidade completa para realizar todas as actividades cotiás e de ocio, aínda que con certa dor moderada ou controlada. Para os pacientes en fase de estado, que empezan a padecer limitacións importantes, a rehabilitación é distinta e recoméndanse outras prácticas. Por último, establécense diferentes actuacións para as persoas en fase avanzada, debido ás deformidades articulares que padecen e a axuda frecuente que necesitan.

30 de maio de 2012

"Puntos de encuentro"

"Mejorando vidas a través de la información" é o lema do programa "Puntos de encuentro". 

Trátase dun proxecto divulgativo dirixido a pacientes, promovido pola compañía Whyeth, hoxe fusionada con Pfizer.

Este portal dedicado a enfermidades reumáticas, apórtanos información acerca da artrite reumatoide, artrite idiopática xuvenil, artrite psoriásica, psoriase e espondilite anquilosante. Centrándose en cada unha destas doenzas dan resposta a cuestións moi interesantes, que van dende a definición da enfermidade e a descrición dos síntomas ata recomendacións, diagnóstico, tratamentos, e preguntas frecuentes.

23 de maio de 2012

Aula de Artritis Reumatoide


A Universidade dos Pacientes é unha universidade específica e monográfica dedicada a pacientes, familiares, persoas coidadoras, voluntarias e cidadanía en xeral, con interese en temas de saúde e sanidade. Ten como obxectivo xeral a promoción da modernización e a mellora da calidade da atención sanitaria mediante o desenvolvemento de actividades de información, formación e investigación. 

Coa colaboración de Roche, xestiona a Aula de Artritis Reumatoide.
Trátase dun portal específicamente dirixido a pacientes, onde se agrupan por temáticas numerosos enlaces con información de interese, desde qué é e cales son os seus signos e síntomas, a cómo mellorar a calidade de vida e afrontar os retos que leva consigo padecer esta doenza.




16 de maio de 2012

Vivir con artrite: consellos (25)


O apoio familiar.
En todas as doenzas crónicas, o apoio dos teus seres queridos axuda a soportar a enfermidade. Se contas con ámbito familiar e de amigos, sen dúbida constitúen un valioso apoio.

Extraído de www.reumatologiasalud.es (Fundación Abbott)

9 de maio de 2012

www.rochereumatologia.es

Roche é un laboratorio farmacéutico que traballa para a prevención, identificación, diagnóstico, tratamento, avaliación e monitorización de enfermidades.

Desta compañía destaca tamén o seu labor divulgativo tanto entre profesionais como entre pacientes.

Exemplo disto, no tocante á reumatoloxía, é o portal www.rochereumatologia.es, que aporta nun primeiro plano información xenérica, dividíndose despois en dúas áreas que afondan en contidos de interese, unha área para profesionais da saúde e outra para pacientes de artrite reumatoide.

Na área de pacientes podemos atopar información para coñecer os seus signos e síntomas, o diagnóstico da enfermidade, consellos prácticos para sobrelevar o día a día, publicacións, os últimos avances no campo da reumatoloxía, e acceder a outros sitios de interese. Un recurso que pode resultar moi útil desta páxina é a sección "Un reumatólogo responde", a través da cal calquera persoa pode facer unha consulta que será respostada polo Dr. Luis Carreño, xefe de reumatoloxía do Hospital General Universitario Gregorio Marañón de Madrid.

5 de maio de 2012

www.reumatologiasalud.es

Fundación Abott naceu co obxectivo de contribuír á mellora da saúde da poboación a través da posta en marcha de distintas iniciativas encamiñadas a atender as necesidades do sistema sanitario español, dos seus profesionais e da sociedade en xeral. Dende o 2003 leva promovido diversas iniciativas de investigación, formación e divulgación sociosanitaria. E moitas delas, centradas nas enfermidades reumatolóxicas, como a campaña "Mujer y artritis rematoide: el valor de una vida", a revista "Mira" ou o proxecto "Salud & Trabajo", por exemplo.
Un recurso moi valioso para pacientes, en relación coa artrite, é o portal www.reumatologiasalud.es, onde se recolle información moi diversa sobre as enfermidades reumáticas. Nela poden descargarse guías da enfermidade (dirixidas a pacientes) e outras publicacións interesantes, consultar as asociacións de pacientes existentes en España, ver consellos dos profesionais e experiencias de pacientes... 
Sen dúbida, un recurso moi recomendable para a orientación e información das persoas que padecemos algunha enfermidade reumatolóxica.

2 de maio de 2012

XVI Programa de vacacións para persoas con discapacidade de Cogami















A Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI) ten aberto o prazo de inscrición para participar no XVI PROGRAMA DE VACACIÓNS PARA PERSOAS CON DISCAPACIDADE, que subvenciona a Consellería de Traballo e Benestar da Xunta De Galicia.

DATAS
  • Quenda primeira: dende o 2 (domingo) ata o 8 de setembro (sábado)
  • Quenda segunda: dende o 9 (domingo) ata o 15 de setembro (sábado)
LUGAR
  • Residencia de Colonias e Convivencias AIXIÑA, (Vigo, 51º, 2ª escaleira -Edificio Pirsamar- en Sanxenxo, Pontevedra)
REQUISITOS
  • Ter entre 25 e 60 anos
  • Ser galega/o ou residente en Galicia.
  • Posuír unha discapacidade acreditada.
  • Cumprimentar debidamente a documentación.
IMPORTE
  • O prezo de aplicación para participar neste Programa de Vacacións será de 80 euros para cada participante, incluíndo este concepto aloxamento e manutención.
  • As persoas participantes contarán co apoio de monitroes/as e coidadores/as polo que non poden levar acompañantes.
DOCUMENTACIÓN
  • Solicitude e ficha da persoa participante (facilitaránvola en COGAMI)
  • Copia do Certificado de discapacidade.
  • Copia dun xustificante dos ingresos da persoa participante.
  • Unha vez recibido o escrito de adxudicación da praza concedida, terase que enviar resgardo do ingreso na conta corrente que se lle indique, figurando o nome da persoa no mesmo.
ADXUDICACIÓN
  • Terán preferencia as persoas solicitantes que non participaran en anteriores programas de lecer e que estean vivindo habitualmente en centros asistenciais.
SOLICITUDES E PRAZO
  • Os impresos de solicitude deberán ser remitidos a COGAMI, na Rúa Modesto Brocos, 7, 3º bolque, baixos CP 15704, Santiago de Compostela, A/A Ángela Labandeira) e a data límite para a recepción de inscricións será o venres 29 de xuño.
  • Tan pronto como se lle comunique ás persoas seleccionadas que están admitidas como participantes no Programa de Vacacións, deberán de facer efectivo o pago dos 80 euros para que a praza adxudicada quede reservada. A continuación, o xustificante de pago remitirase por Fax ó seguinte número: 981574670. Se non fora asi, non se fará a reserva de dita praza. Prazo máximo 7 días.
  • As persoas solicitantes poden escoller a quenda que máis lles interese, opción que se respetará na medida do posible. No caso de non fora posible respectar esta opción, distribuiranse as persoas participantes na quenda que se crea máis conveniente.
COMUNICACIÓN
  • Ás persoas seleccionadas comunicaráselles de forma individual a súa participación no programa.
CONTACTO
Para calquera dúbida e para solicitar os documentos de solicitude e ficha de solicitante, chamar ó teléfono 981574698, onde Ángela Labandeira vos informará adecuadamente.

28 de abril de 2012

Conferencia: Dólmenes e menhires


O vindeiro 10 de maio no Centro Sociocultural de Fontiñas, terá lugar unha conferencia moi interesantes sobre dólmenes e menhires, coa colaboración da Asociación de Artrite de Santiago.


18 de abril de 2012

Vivir con artrite: consellos (24)


Podo traballar tendo artrite reumatoide?

Por suposto que pode traballar. Unicamente debe evitar estar moito tempo de pé e realizar movementos repetitivos, sobre todo coas mans.

Extraído de “Calendario 2010: Consejos para la artritis reumatoide”, editado por Abbott e Elsevier Doyma e elaborado polo Dr. Rafael Goya Moscoso a partir das publicacións: Artritis reumatoide: Guía de la enfermedad para el paciente; ¿Qué es la artritis reumatoide?, e La dieta y las enfermedades reumáticas, editados pola Sociedad Española de Reumatoloxía

11 de abril de 2012

www.conartritis.org

Moitas veces temos mencionado neste blog a Coordinadora Nacional de Artritis (ConArtritis), pero nunca nos tiñamos parado a afondar en qué é e cómo traballa esta entidade. 

ConArtritis representa ás persoas afectadas por Artrite Reumatoide, Artrite Psoriásica e Artrite Idiopática Xuvenil e integra as diversas asociacións de pacientes en todo o territorio nacional, potenciando as accións destas, coa intención de facer que a artrite sexa unha enfermidade recoñecible e coñecida tanto polos propios afectados e os seus familiares como polos profesionais da saúde, pola opinión pública e polas diversas administracións. ConArtritis, ademais, promove e coordina accións conxuntas entre as asociacións, co fin de aunar recursos e esforzos que permitan realizar accións de maior peso, e convértese no órgano de difusión das ideas, necesidades e opinións dos pacientes con artrite.
 
A nosa asociación comparte os obxectivos de ConArtritis, e por iso é unha das asociacións que a integran xa dende os nosos inicios, formando parte ademais da súa xunta directiva.

Dende a súa fundación, no ano 2004, ConArtritis converteuse nun referente a nivel estatal no ámbito desta doenza, o que queda constatado coa súa presencia en innumerables actos, colaboración en publicacións, xornadas, etc.

Aínda que son moitos os proxectos e colaboracións desenvolvidos neste tempo, destacaremos aquí pola súa relevancia e impacto a organización anual da campaña "Outubro, mes da artrite", dentro da cal se enmarcan as "Xornadas Nacionais de Artrite".

Máis información na súa web www.conartritis.org

4 de abril de 2012

Convenio coa psicóloga Cristina Veira

Cristina Veira Ramos é psicóloga colexiada, especialista en psicoloxía clínica con máis de catro anos de experiencia en práctica clínica. Desenvolve a súa actividade profesional no Centro Médico Sanitalia (Av. Liberdade, 11) de Santiago.

Recentemente, a Asociación de Artrite de Santiago e Cristina Veira asinamos un convenio polo cal as socias e socios, así como os familiares en primeiro grao, podemos beneficiarnos dun desconto do 30% por sesión de psicoterapia individual, familiar ou de parella. A condición de asociado/a ou familiar debe ser confirmada pola Asociación antes de acceder ó servizo. O desconto non se aplicará aos servizos de avaliación diagnóstica e informe clínico.

O impacto físico e social dunha enfermidade crónica inflúe sen dúbida na calidade de vida das persoas, e polo tanto, no seu benestar psicolóxico. Todas as persoas, e especialmente as que padecemos unha enfermidade crónica como a artrite, debemos coidar tanto a nosa saúde física como a emocional, mantendo sempre unha actitude positiva e coidando as nosas relacións sociais, familiares e de parella. Por iso, confiamos en que este convenio resultará de utilidade para aquelas persoas que necesiten apoio deste tipo.

28 de marzo de 2012

Convenio co Centro de Día Atendo de Santiago

Atendo Calidade S.L. é unha entidade de servizos especializados no ámbito sociosanitario baseada na calidade profesional; que conscientes das necesidades das familias e coidadores, e preocupados pola calidade de vida das persoas maiores oferta unha serie de recursos como, Centro de Día, Axudas Técnicas, Servizo de Axuda no Fogar,  Formación e todos aqueles que fagan que o maior permaneza no seu entorno.

Nos seus centros de día realizan actividades de estimulación que combinan as novas tecnoloxías cos métodos tradicionais e cunha intervención que traballa con grupos diferenciados segundo as súas capacidades, dun máximo de 10 persoas, con obradoiros especializados durante a xornada de mañá e de tarde e con programas especializados para persoas con Alzheimer, Parkinson e ACV.

A Asociación de Artrite de Santiago e Atendo asinaron recentemente un convenio a través do cal os socios e socias teremos un desconto do 15% sobre o prezo de tarifa no Centro de Día de Santiago de Compostela. Para poder beneficiarse desta oferta tan só hai que acreditarse como socio/a no momento de contratar o servizo presentando a tarxeta de socio/a da AAS.

O Centro de Día Atendo de Santiago está ubicado en Rúa de Fernando III 'O Santo', 30 e os seus datos de contacto son os seguintes: 
centrodediasantiago@atendo.es
Tlf. 981 93 77 10

23 de marzo de 2012

Obradoiros en colaboración coa Escola Galega de Saúde para Cidadáns



A Escola Galegade Saúde para Cidadáns do Sergas organiza, a proposta da Asociación de Artrite de Santiago, dous obradoiros que se celebrarán proximamente, e que incidirán en dous aspectos importantes relacionados coas enfermidades reumáticas: o obradoiro de intervención psicolóxica na dor e o obradoiro de saúde afectivo-sexual. Ambos son gratuítos.


 
INTERVENCIÓN PSICOLÓXICA NA DOR

Impartido polo psicólogo Marcos Calvo Martínez, e dirixido a persoas que padezan dor crónica, as súas familias, e a cidadanía en xeral.

Con esta actividade preténdese poñer a disposición dos pacientes unha ferramenta útil e eficaz no control da dor crónica e aumentar o autocontrol dos pacientes sobre a súa dor para elevar a súa calidade de vida.

No obradoiro traballarase sobre os seguintes temas:
  • Concepto xeral da dor, apoio psicolóxico ao paciente.
  • Estratexias de afrontamento da dor e adaptación á enfermidade.
  • Control da ansiedade e estrés.
Lugar: Hospital Clínico Universitario de Santiago, Aula 4D. Edificio Docencia.
Data: 18/04/12 de 18:00 a 20:00


SAÚDE AFECTIVO-SEXUAL

Impartido polas traballadoras sociais Isabel Redondo Zambrano e Patricia Otero Ramos, e dirixido a persoas con enfermidades reumáticas e cidadanía en xeral.

Abordaranse contidos como o papel dos hábitos de saúde sexual na poboación e na prevención da enfermidade, recomendacións para un sexo saudable, e a sexualidade en poboación adulta-anciá.

Lugar: Hospital Clínico Universitario de Santiago, Aula 3d. Edificio D.
Data: 22/05/12 de 16:30 a 20:30

16 de marzo de 2012

I Certame de fotografías sobre enfermidades reumáticas

Varias entidades asociativas relacionadas coas enfermidades reumáticas uníronse para organizar este certame que premiará con 1.200 euros as mellores fotografías, en tres categorías diferentes: público xeral, persoal médico e pacientes. Ademais, haberá un premio especial consistente nunha cámara reflex, que se concederá á imaxe elexida mediante votación popular na web do certame.
O tema das fotografías deberá reflexar o impacto individual (físico e emocional) e social (familiar e colectivo) das enfermidades reumáticas, abordándoo de maneira positiva.
Pode participar calquera persoa, tanto aficionadas como profesionais da fotografía.  
Tes ata o 30 de maio para enviar as túas fotografías. ANÍMATE E PARTICIPA!