26 de decembro de 2013

"De paciente a paciente" volve en xaneiro

No ano 2010 a Asociación de Artrite de Santiago implicábase no proxecto "De paciente a paciente", impulsado por ConArtritis co apoio de Roche Farma.

Trátase de apoiar ao persoal sanitario dos Hospitais de Día, ofrecendo apoio emocional aos pacientes durante as horas de tratamento, así como consellos, recomendacións...

Os encontros teñen lugar nos propios Hospitais de Día e son desenvolvidos por persoas voluntarias pacientes de artrite, que polo tanto comprenden perfectamente as dificultades e emocións que leva consigo o padecemento desta doenza, e poden aportar a súa experiencia e información útil.

A partir de xaneiro volve este proxecto ao Hospital Clínico de Santiago, da man da AAS. Será os xoves a partir das 10:30 h. no despacho 038.


20 de decembro de 2013

Dende a Asociación de Artrite de Santiago queremos transmitirvos unha mensaxe de alegría nestas datas tan sinaladas, e desexarvos un 2014 cheo de bos momentos.
Para a asociación, o novo ano preséntase cargado de novos retos que afrontamos con ilusión, e que esperamos compartir con todas e todos vós.




18 de decembro de 2013

A participación en ensaios clínicos: vivencia dunha paciente de artrite

Participación na III Xornada de Portas Abertas sobre Investigación
Clínica de Lilly. Fotografía de Asociación de Diabéticos de Madrid.
Teresa Conde, vogal da Asociación de Artrite de Santiago, e cun diagnóstico de artrite reumatoide dende hai 12 anos, compartiu recentemente a súa experiencia persoal sobre a participación en estudos clínicos.

A primeira ocasión foi no marco da III Xornada de Portas Abertas sobre Investigación Clínica de Lilly, que tivo lugar en Madrid o día 22 de novembro.
E o pasado 13 de decembro, fixéronlle unha entrevista en Radio Obradoiro.

En ambas ocasións, contou en primeira persoa como viviu a súa implicación en dous estudos clínicos. Ttransmitiu unha mensaxe optimista, animando a perder o medo, pois estes estudos poden ser unha oportunidade para acceder a tratamentos que melloren a nosa calidade de vida.

Outro momento da participación na xornada.
Noticias relacionadas:
Radio Obradoiro, 13/12/13 (pode escoitarse a entrevista)
III Xornada de portas abertas sobre investigación clínica de Lilly (pode verse o vídeo da participación na xornada. Participación de Teresa a partir do minuto 3:10)





16 de decembro de 2013

"O Experto Responde" é unha iniciativa organizada pola Escola Galega de Saúde para Cidadáns, do Sergas, na que persoas expertas rresponden a preguntas sobre determinadas doenzas, que calquera persoa pode formular a través da web.
O pasado 21 de outubro, con motivo do Día Mundial contra a Dor, a Asociación de Artrite de Santiago colaborou nesta actividade coa presenza de Marisa Balado como experta. Acompañouna nesta tarefa o Dr. Alejandro Souto Vilas, especialista en reumatoloxía.
Agora xa poden consultarse as preguntas e respostas que se trataron ese día:

Experto responde: histórico



11 de decembro de 2013

Actividades de Tai Chi e Chi Kung en Santiago, da man da Asociación de Artrite

Todos buscamos o benestar. Buscamos mellorar ou manter o noso estado de saúde física, emocional e mental.
A práctica regular do Tai Chi Tradicional, Chi Kung e Meditación axudarannos a alcanzar  e manter ese estado de equilibrio e plenitude globlal que tanto anhelamos. 



2 de decembro de 2013

Trazando o futuro en Artrite Reumatoide. Resultados do estudo

En marzo deste ano animábamos a participar no proxecto "Trazando o futuro en Artrite Reumatoide", cubrindo un cuestionario facilitado por ConArtritis, e que tiña como obxectivo recoller datos para coñecer as inquietudes e os aspectos que preocupan ás persoas afectadas pola artrite reumatoide ante o escenario económico e sanitario no que hoxe nos encontramos.

 

ConArtritis vén de presentar recentemente o documento no que se recolle e analiza a información extraída desa enquisa.

Con esta publicación queren facerse máis visibles as preocupacións dos pacientes, e ofrecer algunhas propostas para mellorar estes aspectos.

Como datos máis destacables, sinálase que o  95% dos pacientes con artrite reumatoide asegura que a enfermidade afecta moito ou bastante á súa vida laboral. Un 93% das pesoas enquisadas considera, ademais, que a artrite reumatoide carece de presenza na axenda política: para que o impacto sexa recoñecido entre a poboación e os axentes sociais, ha de situarse ao mesmo nivel que outras enfermidades crónicas. O 84% considera tamén que os axustes están a afectar a abordaxe da enfermidade e ata un 78% sinala, en concreto, dificultades no acceso aos tratamentos.


25 de novembro de 2013

Oferta termal en Cuntis

Termas de Cuntis ofrece as seguintes condicións especiais para as persoas da asociación durante o mes de decembro.

Hotel La Virgen ****
Condicións: Aloxamento + pensión completa + Acquaform
Prezo: 45€/persoa/noite
Mínimo 20 persoas e 4 noites

IVE incluído.

Contacto


23 de novembro de 2013

"Tomando control da súa saúde"

A Fundación Josep Laporte, no marco da Universidade dos Pacientes, e a través da Escola Galega de Saúde para Cidadáns, realizou, os días 17 e 18 de setembro e 8 e 9 de outubro no Hospital Clínico de Santiago o taller de formación para formadores do programa “Tomando control da súa saúde”, da Universidade deStandford.


Sandra Mujico e Marisa Balado, da Asociación de Artrite de Santiago, recibiron o seu correspondente diploma tras realizar esta formación, nun acto de entrega que tivo lugar na Consellería de Sanidade o pasado 13 de novembro.


21 de novembro de 2013

Xornada sobre Investigación Clínica, para organizacións de pacientes

Mañá 22 de novembro terá lugar a III Xornada de Portas Abertas para Organizacións de Pacientes sobre Investigación Clínica, nas instalaciones dos laboratorios Lilly. O obxectivo é debater sobre o papel dos pacientes e das asociacións no desenvolvemento de novos medicamentos.

A iniciativa Somos Pacientes cedeu a súa plataforma para retransmitir as ponencias da mañá en Internet vía streaming (en directo).

O enlace estará dispoñible a partir das 10:45 h., do venres 22 de novembro de 2013.


11 de novembro de 2013

Open Reuma

Open Reuma é unha asociación científica sen ánimo de lucro que dende o 2011 aglutina profesionais da saúde con interese nas doenzas reumáticas, pero que non poden integrarse na Sociedade Española de Reumatoloxía por non ser reumatólogos.

Na súa web pode atoparse información sobre o papel da enfermería, a psicoloxía e a fisioterapia nas enfermidades reumatolóxicas, e ten outras sección en desenvolvemento, centradas en formación e investigación



Tamén están en facebook.

28 de outubro de 2013

Fotos da Xornada Nacional de Artrite en Redondela


O pasado 5 de outubro, no marco da campaña Outubro, mes da artrite, a Asociación de Artrite de Santiago estivo presente na xornada sobre artrite que tivo lugar en Redondela, apoiando a iniciativa da Asociación de Enfermos de Artrite de Pontevedra (ASEARPO), de recente creación.

Ver programa da xornada.

Aquí deixamos unhas fotos dese día, e facemos público o agradecemento ás persoas responsables de ASEARPO por contar coa Asociación de Santiago neste evento. Desde aquí mandámoslle todo o noso apoio, esperando poder colaborar no futuro noutros proxectos comúns.

24 de outubro de 2013

A tu Ritmo, nº 10

Xa está dispoñible o novo número do Boletín A tu Ritmo, editado por ConArtritis, e onde se recolle toda a actualidade sobre a artrite que nos pode interesar como pacientes, así como actividades das diferentes asociacións, eventos, experiencias...




Boletín nº10

E se non puideches ler os números anteriores, na web de ConArtritis, tes á túa disposición todos os boletíns publicados ata o momento.

21 de outubro de 2013

En novembro, volvemos a Laias

Estamos organizando unha nova estancia colectiva no Balneario Laias Caldaria (Ourense). Será do día 3 ao 8 de novembro (de domingo a venres)

Como de costume, a estancia inclúe aloxamento en réxime de pensión completa, traslados, programa termal personalizado segundo criterio médico, así como outras actividades de animación e lecer.

A inscrición pode facerse xa, chamando ao teléfono 659084950 (de luns a venres de 10:00 a 13:00 h.) Neste mesmo teléfono informaremos do lugar e hora de saída, prezos, e resolveremos calquera outra dúbida.


Agardámosvos!

15 de outubro de 2013

Foro "O experto responde". Día Mundial contra a Dor

Con motivo da celebración do Día Mundial contra a Dor, o vindeiro 21 de Outubro terá lugar a realización dun foro online no que calquera persoa poderá preguntar todo o que desexe saber sobre este tema. Configúrase así como un espazo accesible á cidadanía a través do cal informar e aclarar dúbidas sobre o manexo da dor.

Cómo facer as preguntas?

A través da páxina web da Escola Galega de Saúde para cidadáns, no apartado "O experto responde". O día 21 de outubro, de 18.00 a 20:00 h., aparecerá un acceso que di "Envíe agora as súas preguntas", no que hai que entrar para formular calquera dúbida. A partir dese momento os expertos responderán ás cuestións plantexadas en tempo real.

Quen responderá ás preguntas?

O Dr. Alejandro Souto Vilas, especialista en Reumatoloxia do Hospital Clinico de Santiago e Marisa Balado García, presidenta  da Asociación de Artrite de Santiago.



13 de outubro de 2013

O exercicio físico, clave na artrite reumatoide.

No marco da presentación da campaña "Outubro, mes da artrite", púxose o acento na importancia do exercicio físico como un hábito moi recomendable para as e os pacientes de artrite reumatoide.

A artrite reumatoide diferénciase doutras enfermidades crónicas en que o seu tratamento non se basea unicamente en tomar os medicamentos correspondentes. O paciente ten que manterse activo aínda que teña dor, siga as indicacións do seu médico a pesares de que desaparezan os síntomas e acuda ao fisioterapeuta de forma regular, entre outras medidas.

Segundo un estudo dos doutores Juan Antonio Olmo Fernández-Delgado, do Servizo de Rehabilitación do Hospital Comarcal do Noroeste (Murcia), e José Antonio García, do Servizo de Reumatoloxía da Clínica Sol e Mar (Murcia), a práctica continuada de exercicio físico é recomendable e inflúe positivamente en diversos aspectos da evolución da artrite, algo que podería estar relacionado cos cambios no sistema inmunitario que provoca o exercicio.
Permanecer activos mellora a forza muscular dos pacientes, o que favorece que as articulacións sufran menos. "O exercicio físico incrementa a amplitude de movemento, a capacidade de amortecemento e a flexibilidade das articulacións", explica o presidente da SER, quen engade que "non" se deben esquecer os aspectos psicolóxicos, xa que o deporte aumenta a autoestima, diminúe a ansiedade, mellora o estado de ánimo e o equilibrio emocional e, ademais, aumenta a distracción".

O exemplo de Maje Navarro

Mª Jesús Navarro
Un exemplo de como o exercicio físico reduce os síntomas da artrite reumatoide é a atleta profesional María Jesús Navarro, cara visible da campaña de ConArtritis e a quen lle diagnosticaron esta enfermidade aos 18 anos.

Nese momento o seu médico díxolle que tería que deixar o deporte, gardar repouso absoluto e mentalizarse de que podería rematar nunha cadeira de rodas. Tras oito anos sen correr, volveu crer nela e cambiou ese futuro que o predestinaran. Hoxe, a pesar da artrite, Maje Navarro compite a nivel profesional en ultramaratóns.

7 de outubro de 2013

Presentación de Outubro, mes da artrite

A Coordinadora Nacional de Artrite (ConArtritis) puxo en marcha o pasado 1 de outubro, coincidindo co Día Nacional desta enfermidade crónica, a campaña 'Outubro, mes da artrite,' que suporá a organización de diferentes xornadas e mesas informativas en 23 cidades de España para promover entre os máis de 200.000 pacientes no noso país a necesidade de manter unha actitude activa para a mellora da súa calidade de vida, entre outros aspectos.

Baixo o lema cre en ti, crea o teu futuro', a 'Outubro, mes da artrite' centrarase en facer ver os pacientes que deben "apropiarse do control da enfermidade" para que esta non se apodere das súas vidas, manténdose activos o maior tempo posible e facendo exercicio físico de forma regular.

"É moi común ver pacientes que deixan en mans dos médicos o tratamento da súa enfermidade. O certo é que son eles os que deben indicar as pautas a seguir para alcanzar unha melloría, pero se o paciente non adopta unha serie de hábitos, toma conciencia de que, en boa medida, depende del encontrarse mellor, e realmente cre que pode vivir con normalidade, resulta moi complicado que as dores, as limitacións de movemento ou o entumecemento das articulacións, síntomas propios da artrite reumatoide, non dominen ao paciente", sinalou Antonio I. Torralba, presidente de ConArtritis.
Rueda de prensa” width=
Santiago Muñoz, Antonio
Torralba e Maje Navarro

Pola súa banda, o presidente da SER, o Dr. Santiago Muñoz Fernández, asegura que "é fundamental que os pacientes se impliquen de xeito moi activo na súa enfermidade dende o diagnóstico, o tratamento e no seu día a día, para que aprendan a convivir con ela o antes posible. Nas patoloxías reumáticas en xeral e na artrite reumatoide en concreto, a adherencia ao tratamento é clave para mellorar a calidade de vida dos enfermos, polo que esa implicación é básica para adiantarse ao progreso da doenza,".

Se che interesa informarte sobre a artrite, non faltes á IX Xornada Nacional de Artrite, en Santiago de Compostela, o día 11 de outubro.

4 de outubro de 2013

IX Xornada Nacional de Artrite

Unha das actividades contempladas na campaña "Outubro, mes da artrite", é a organización da IX Xornada Nacional de ArtriteImpulsada por ConArtritis, a xornada desenvolverase en 19 cidades españolas. 

Este ano, por primeira vez, tamén se levará a cabo a xornada na vila de Redondela, o día 5 de outubro, da man dunha nova Asociación de artrite de recente creación. A Asociación de Artrite de Santiago estará acompañando e apoiando esta iniciativa. A información sobre as actividades no resto de cidades, pode consultarse na web de ConArtritis.

Centrándonos na xornada de Santiago de Compostela, e organizada pola nosa asociación, contaremos coa presenza de profesionais que nos falarán de diferentes aspectos relacionados coa artrite.

A psicóloga Dna. Enma Mayo, centrarase nas necesidades das persoas con artrite. A reumatóloga Dra. Eva Pérez Pampín centrarase nas síndromes e enfermidades asociadas á artrite. E o reumatólogo Dr. Juan Gómez-Reino Carnota exporá os tratamentos biolóximos e biosimilares que poden aplicarse en diferentes tipos de artrite.

Despois das súas explicacións, haberá lugar para o coloquio, e as persoas asistentes poderán facerlle preguntas aos profesionais, para resolver calquera dúbida.

Terá lugar o vindeiro 11 de outubro no Hospital Clínico (Sala 1), a partir das 17:00 h. Confirma a túa asistencia no teléfono 659.084.950. Esperámoste!


Ver programa





1 de outubro de 2013

Día Nacional da Artrite

Hoxe, 1 de outubro, é o Día Nacional da Artrite. 

Como xa adiantamos, no marco da campaña "Outubro, mes da artrite", levaremos a cabo actividades co obxectivo de sensibilizar a informar sobre esta doenza, sobre a que existe gran descoñecemento e moitos prexuízos e ideas equivocadas.

MESAS INFORMATIVAS. Ao longo da mañá de hoxe, manteivemos catro puntos de información, a través dos cales demos a coñecer a asociación, os diferentes tipos de artrite, os tratamentos e terapias que poden axudar a calmar a dor, e outras dúbidas das persoas que se achegaron ata alí. Este ano ampliamos cobertura, pois contamos cun total de catro mesas: dúas no Hospital Clínico, unha no Hospital de Conxo, e outra no Centro de saúde Concepción Arenal.

IX XORNADA NACIONAL DE ARTRITE. Como vén sendo habitual, neste mes celebraremos tamén unha xornada informativa, en forma de mesa redonda, na que participarán persoas expertas neste eido. A xornada está dirixida principalmente a persoas que padecen artrite, así como as súas familias e persoas interesadas no tema. A asistencia é libre e gratuíta. Terá lugar o vindeiro 11 de outubro no Hospital Clínico de Santiago (Sala 1), a partir das 17:00 h.. Ver programa.

IX Jornada Nacional de Artritis

22 de setembro de 2013

Outubro, mes da artrite 2013

O día 1 de outubro é o Día Nacional da Artrite. E durante todo o mes, en colaboración con ConArtritis, realizaremos actividades de sensibilización sobre esta doenza, enmarcadas na campaña Outubro, mes da artrite

O lema elixido para este ano é "Cree en ti, crea tu futuro", co obxectivo de facer ver que, aínda que son os especialistas os que pautan os tratamentos a seguir e recomendan como debe ser o día a día, os pacientes son realmente os que teñen que coller as rendas da situación, adoptar unha actitude positiva, e crer nas súas posibilidades para que cada mañá se levanten con máis forzas e ganas de seguir gozando da vida, a pesar de que ás veces teñan limitacións.

Esta idea únese ás que deron orixe á campaña, que 
non son outras que aumentar a visibilidade da artrite reumatoide, a artrite psoriásica, a artrite idiopática xuvenil e a espondiloartrite, mellorar a calidade de vida das persoas que as padecen, e favorecer a relación coas administracións públicas, sociedade científica, empresas farmacéuticas e outros colectivos de interese.

A campaña engloba actividades que se realizarán por toda a xeografía española, sendo a Asociación de Artrite de Santiago a encargada de organizar os actos de Santiago de Compostela, dos que iremos informando nos próximos días.

19 de setembro de 2013

Cuestionario para pacientes xóvenes

Open Reuma é unha asociación científica sen ánimo de lucro que dende o 2011 aglutina profesionais da saúde con interese nas doenzas reumáticas, pero que non poden integrarse na Sociedade Española de Reumatoloxía por non ser reumatólogos.

Esta entidade elaborou un cuestionario co obxectivo de coñecer as experiencias e necesidades de persoas xóvenes, de entre 18-35 anos, con algunha enfermidade reumática en Europa. O cuestionario é anónimo e os seus resultados serán utilizados para a elaboración dun informe que permitirá orientar as estratexias futuras de pacientes xóvenes con patoloxías reumáticas en Europa.


Se cumpres co perfil, podes tomar uns minutos para responder as súas preguntas online. O resultado do estudo publicarase a finais deste mes de setembro, pero aínda quedan uns días para colaborar.




18 de setembro de 2013

Tai chi, Chi kung e meditación

Xa está aberta a inscrición para as actividades de Chi-Kung, Meditación e Tai-Chí. Estas actividades poden ter un efecto moi positivo sobre a artrite, pois fortalecen as articulacións.


Actividade subvencionada para os socios e socias da Asociación de Artrite de Santiago!

Infórmate sobre como inscribirte no teléfono do centro: 981528750.

17 de setembro de 2013

Fotos da excursión ós Pazos

Comezamos a volta de vacacións ensinando as fotos da última excursión que fixemos na asociación. O día 6 de xullo visitamos os Pazos de Armada (en Vedra) e o Pazo de Oca (na Estrada).


O Pazo de Oca é un dos mais famosos de Galicia polos seus fermosos xardíns, que teñen pontes, árbores pouco frecuentes e, entre outras moitas cousas máis, un encoro con parrulos e gansos. Esta casa señorial foi construída entre os séculos XVII e XVIII.

O Pazo de Armada, tamén de gran sona, é coñecido polos seus xardins de camelias e por un centenario oliveiral en forma cruz. 



7 de xullo de 2013

Vacacións



Hoxe comeza o descanso estival da Asociación. Volvemos a mediados de setembro con novas actividades e consellos!


Feliz verán!

Asociación de Artrite de Santiago

22 de xuño de 2013

Visita Pazos de Galicia

O vindeiro 6 de xullo poderemos disfrutar dunha nova saída recreativa e cultural.
Nesta ocasión visitaremos dous pazos galegos de singular beleza: o Pazo de Oca, situado no concello da Estrada, e o Pazo de Santa Cruz de Rivadulla (Armada), no concello de Vedra. De ambos destaca a espectacularidade dos seus xardíns.




Sairemos dende o centro sociocultural de Fontiñas (Rúa Berlín, 13, Santiago) ás 10:30h.
A cota inclúe:

  • Visita ao Pazo de Oca
  • Visita ao Pazo de Santa Cruz de Rivadulla
  • Xantar en Ponte Ledesma (Casa Rafael)
  • Autocar e seguro de viaxe

Para máis información, contacta co teléfono da asociación: 659084950.
Se che apetece pasar este día connosco, pregamos comuniques a asistencia o antes posible chamando a ese mesmo teléfono. O prazo límite para o pago será o 2 de xullo.

Esperámoste! 

"Las leyes espirituales y la ley del amor"

O vindeiro 29 de xuño orient-arte organiza en Santiago una charla gratuíta do Dr. Vicent Guillem, que levará por título “Las leyes espirituales y la ley del amor”. A temática da charla ten que ver coa búsqueda da felicidade, e coa eliminación do egoísmo e o desenvolvemento do amor e dos sentimentos como a maneira de chegar a ela.

Será na Casa das Asociacións (Cornes)


Entrada libre e gratuíta. 


19 de maio de 2013

Campamento de verán para nenos e nenas con enfermidades reumáticas

A Sociedade Española de Reumatoloxía (SER) xunto coa Coordinadora Nacional de Artrite (ConArtritis) organizan un campamento moi especial para nenos e nenas con enfermidade reumática. O seu único obxectivo é fomentar a mellora da súa autonomía, así como favorecer as relacións sociais e solidariedade neste tipo de pacientes. Pero, por outra parte, tamén ten o obxectivo de dar apoio e axuda aos pais.

Para Antonio Torralba, presidente de ConArtritis, "organizar este tipo de actividades resulta moi gratificante porque favorece a mellora, tanto física como anímica dos nenos, xa que lles axuda a aprender a manexar mellor os seus síntomas e conviven durante uns días con outros nenos que se encontran na súa mesma situación", ao que engade "ademais, no campamento poténciase a adquisición de hábitos de vida saudables, algo fundamental para os máis pequenos porque se os aprenden a estas idades, mantéñenos durante toda a vida, o que lles axudará a levar mellor a enfermidade ao longo dos anos,".

Pola súa banda, o Dr. Miguel Ángel Caracuel, vicepresidente da SER e responsable da Comisión da Responsabilidade Social Corporativa (RSC) da Sociedade, considera que, "paga a pena realizar un esforzo económico como este se conseguimos axudar, na medida das nosas posibilidades, aos pacientes pediátricos. O que buscamos é que os únicos beneficiarios desta actividade sexan os nenos afectados por algunha enfermidade reumática".

O campamento levarase a cabo na Granxa Escola Albitana de Brunete (Madrid) dende o día 6 ao 20 de xullo, e terá unha capacidade para 40 nenos e nenas de entre 8 e 14 anos, de todo o territorio nacional, e que teñan estable a súa enfermidade. Para a súa admisión pídese a aprobación e informe favorable do seu médico.

O período de inscrición estará aberto ata o día 30 de maio.

Descarga as bases e o boletín de inscrición

Novo número de A tu Ritmo

Hai pouco editouse un novo número do boletín da Coordinadora Nacional de Artrite, ConArtritis, "A tu Ritmo", con todas as noticias e novidades que aconteceron entorno á Coordinadora e as súas asociacións membro.

Neste número 8, correspondente aos meses de marzo-abril, Antonio I. Torralba, presidente de ConArtritis, quixo resaltar no editorial a importancia que ten para o movemento asociativo saber como están e que necesidades teñen os pacientes, xa que é o que posibilita que se realicen traballos como o estudo psicosocial "Artrite Reumatoide, a relación dos pacientes cos seus tratamentos" que realizou ConArtritis.

Este estudo, que foi presentado no mes de abril, así como as conclusións da Asemblea Xeral Ordinario de ConArtritis ou o encontro internacional con outras asociacións de pacientes, son algúns dos temas que se tratan neste novo número de "A tu Ritmo".

Esperamos que vos resulte interesante.


Descargar boletín.

30 de abril de 2013

Oferta termal para socios/as

Dende as Termas de Cuntis ofrécennos unha nova oferta exclusiva para socios e socias da Asociación de Artrite de Santiago:


HOTEL CASTRO****
Media Pensión
Acceso Libre ao Circuito Lúdico-Termal Acquaform
45€/persona y noche
IVE incluido
 
Oferta válida do 12 ao 15 de Maio.
Suxeito a dispoñibilidade no momento da reserva.

18 de abril de 2013

ConArtritis presenta un novo estudio

A Coordinadora Nacional de Artritis, ConArtritis, presentará mañá en Madrid o estudo ‘Artritis Reumatoide, la relación de los pacientes con sus tratamientos’, realizado coa colaboración de Roche.
 
Neste estudo abórdase a forma na que os pacientes de artrite reumatoide aceptamos, convivimos toleramos e adaptamos as nosas vidas en función dos fármacos que tomamos. Con eles mantemos unha estreita relación, pois son os nosos grantes aliados para frear o avance da enfermidade, pero tamén condicionan as nosas vidas de maneira importante.
 

Na presentación intervirán Antonio I. Torralba, como presidente de ConArtritis, e o Dr. Miguel Ángel Caracuel, reumatólogo do Hospital Raíña Sofía de Córdoba.

 
 

11 de abril de 2013

"A tu Ritmo", o boletín de ConArtritis

"A tu Ritmo" é o boletín informativo bimensual da Coordinadora Nacional de Artrite. Con esta publicación, dende ConArtritis pretende informar de todas as novidades, noticias e eventos que xorden en torno á Coordinadora e as súas asociacións membro. O obxectivo desta publicación é facer máis visible o traballo de todas as persoas implicadas en mellorar a calidade de vida das/os pacientes de artrite reumatoide, artrite psoriásica, artrite idiopática xuvenil e espondiloartrite; así como facer máis visible a enfermidade para que a sociedade tome conciencia dos seus efectos.

Podes recibir o boletín "A tu Ritmo" no teu correo electrónico; só tes que cubrir o formulario de subscrición que atoparás no propio boletín.


6 de abril de 2013

Programa "Benestar en balnearios"


A Consellería de Traballo e Benestar convoca para o ano 2013 o Programa “Benestar en Balnearios”, que pretende contribuír ao mantemento da autonomía das persoas maiores, facilitándolles a posibilidade de gozar duns días de tratamento termal, descanso, convivencia, e ocupar o tempo libre dun xeito activo e positivo.

Ofértanse un total de 603 prazas na modalidades de: “Balnearios” (opción “todo incluído”) e a súa adxudicación efectúase nas xefaturas territoriais. Na convocatoria deste ano participan un total de trece balnearios e a duración da estadía é de dez días e nove noites. 

A convocatoria está dirixida a persoas residentes en Galicia de 65 anos ou 60 se é pensionista, que se valgan por si mesmas e non padezan enfermidades infecto-contaxiosas.

O prazo de solicitude é ata o 12 de abrilPara máis información, visitar a web http://traballoebenestar.xunta.es, nas xefaturas territoriais e centros sociocomunitarios de Benestar, nos servizos sociais comunitarios dos concellos, así como no teléfono gratuíto 900 333 666.

Axudas por fillos/as menores de 3 anos

A Consellería de Traballo e Benestar publicou recentemente a orde que regula as axudas a concesión da prestación económica de pagamento único por fillas e fillos menores de tres anos para o ano 2013. As persoas que poidan solicitala, teñen de prazo 40 días naturais, a contar dende o seguinte á da publicación da orde (publicada no DOG do 1 de abril)

Ver texto da orde

3 de abril de 2013

Estancia no Balneario Laias Caldaria

Moi pronto poderemos disfrutar de novo dunha visita ao Balneario de Laias Caldaria. 
Será do 5 ao 10 de maio (de domingo a venres)

Alí disporemos de: 

  • Pensión en réxime de pensión completa (almorzo, xantar e cea)
  • 6 días (cinco noites)
  • Traslado incluído (ida e volta)
  • Asistencia médica.
  • Programa termal individualizado.
  • Actividade de Aguagym.
  • Programa de animación.
  • Sendeirismo. 


A saída farase o domingo 5 de maio dende o Centro Sociocultural de Fontiñas (Santiago) ás 12:00 h.

Esperamos que esta actividade sexa do voso agrado e vos animedes a pasar estes días connosco.

Para informarvos dos prezos podedes chamar ao teléfono 659 084 950 (de luns a venres de 10:00 a 13:00 h.)

Inscricións ata o 22 de abril nese mesmo teléfono.

Para ir abrindo boca, ensinámosvos algunhas fotos de visitas anteriores.


2 de abril de 2013

Obradoiro de Técnicas de apoio psicolóxico en enfermidade reumatolóxica


Escola Galegade Saúde para Cidadáns do Sergas organiza, a proposta da Asociación de Artrite de Santiago e coa súa colaboración, un novo obradoiro gratuíto dirixido a pacientes con enfermidade reumatolóxica, familiares e poboación en xeral e centrado esta vez en técnicas de apoio psicolóxico.

 TÉCNICAS DE APOIO PSICOLÓXICO EN ENFERMIDADE REUMATOLÓXICA

Enma Mayo será a psicóloga encargada de impartir este obradoiro, co que se pretende mellorar a información e comprensión da enfermidade por parte dos pacientes, familiares, e cidadanía en xeral; proporcionar aos coidadores, familiares e pacientes as habilidades e coñecementos necesarios para mellorar a calidade de vida no ámbito familiar, e fomentar a autonomía de todos os membros da familia.

No obradoiro traballarase sobre os seguintes temas:
  • Definición e clasificación.
  • Síntomas.
  • Evolución e tratamento.
  • Pautas de apoio emocional en síntomas psicolóxicos.
  • Autocoidados e coidado do coidador.
LugarHospital Clínico Universitario de Santiago, Aula 4D. Bloque D. Piso 1º.
Data10 de abril de 2013 de 17:00 a 20:00

26 de marzo de 2013

Participa na enquisa para pacientes con AR

Se padeces artrite reumatoide, convidámoste a participar no proxecto "Trazando o futuro en Artrite Reumatoide", que está a recoller datos a través dunha enquisa realizada por ConArtritis.

O cuestionario diríxese aos pacientes con artrite reumatoide coa finalidade de coñecer as inquietudes e os aspectos que lles preocupan ante o novo escenario económico e sanitario no que hoxe nos encontramos.

Esta enquisa forma parte do proxecto “Trazando o futuro en Artrite Reumatoide”, que ten como obxectivo trasladar ás autoridades sanitarias e poderes públicos os puntos clave, e imprescindibles, a ter en conta para mellorar as vidas das persoas con artrite reumatoide, e das súas familias. Por iso, a túa participación É MOI IMPORTANTE.

Enlace á enquisa (só che levará 5 min.)