19 de maio de 2015

Charla sobre trastornos asociados a enfermidades reumáticas

Moi pronto, a Escola Galega de Saúde para Cidadáns do Sergas celebrará unha charla sobre Trastornos asociados nas enfermidades reumáticas.
O obxectivo desta actividade é mellorar a información e comprensión sobre estes temas por parte de pacientes e familiares proporcionando as habilidades e coñecementos necesarios para mellorar a calidade de vida.

Data: 29 de maio de 16:30 a 19:30 h.
Lugar: CHUS, Aula 2D, 1º andar
Programa:
  • Trastornos mais destacables na enfermidade reumática: osteoporose, amiloidose, aterosclerose e Sindrome de Sjogrem.
  • Cales son as súas manifestacións.
  • Tratamento e recomendacións.

6 de maio de 2015

Campamento de verán para nenas e nenos con enfermidades reumáticas

Despois do éxito das edicións anteriores, a Sociedade Española de Reumatoloxía, coa colaboración da Coordinadora Nacional de Artritis e outras asociacións de pacientes, organizan un ano máis o Campamento de verán para nenas e nenos con enfermidades reumáticas.

Este campamento ten o obxectivo de fomentar a autonomía dos rapaces e favorecer as súas relacións sociais e solidariedade, mentres que tamén serve de axuda e apoio aos pais, nais e outras persoas encargadas do seu coidado.

O campamento deste ano será do 27 de xuño ao 11 de xullo na granxa escola Albitana (Brunete - Madrid), e hai 40  prazas dispoñibles para nenas e nenos de entre 8 e 14 anos de idade, de toda España.

Xa podes solicitar a inscrición ata o 15 de maio, enviando o documento de solicitude que podes descargar aquí e envialo a campamento@ser.es.

Ver as bases do campamento.

5 de maio de 2015

5 de maio, Día Mundial da Hixiene de Mans

Hoxe, 5 de maio é o Día Mundial da Hixiene de Mans, un compromiso promovido pola Organización Mundial da Saúde, que ten como obxectivo mellorar a seguridade e diminuír a infección na atención sanitaria.

Como membro do Consello Asesor de Pacientes e, que ten como un dos seus fins avanzar na mellora da seguridade dos pacientes, familiares e coidadores, dende a Asociación de Artrite de Santiago sumámonos a esta celebración, facendo difusión do Manifesto dos Pacientes e Cidadans que, con motivo desta data, se asinou na Consellería de Sanidade, con data 5 de maio do 2013.

Este Manifesto recolle o compromiso de colaboración entre pacientes, cidadanía, profesionais e autoridades sanitarias para traballar activamente na formación e sensibilización de todos os galegos, na importancia de coñecer e realizar correctamente a técnica da hixiene de mans.

4 de maio de 2015

Impacto da artrite na vida laboral e profesional. Axúdanos a coñecer experiencias


Os efectos que a artrite reumatoide provoca no ámbito laboral e profesional das persoas que padecen a enfermidade é un dos aspectos que máis preocupan, e non obstante non existen estudos en profundidade ao respecto. A Coordinadora Nacional de Artrite é consciente das dificultades que implica manterse estable nun posto de traballo e compaxinalo cos efectos da enfermidade, xa que en moitas ocasións as decisións que se toman en relación coa vida laboral se ven influenciadas pola artrite; pero carecemos de datos concretos e vivencias.

Por esta razón,
ConArtritis quere impulsar a realización dun estudo que mostre as vivencias e experiencias laborais das persoas que padecen artrite, independentemente da súa situación actual.
 
Para iso conta coa colaboración da plataforma web in-pacient.es que cedeu a súa infraestrutura para poder levalo a cabo.

Agora falta o máis importante: a colaboración das persoas que padecen artrite para achegar a información da súa vivencia.
A través dun cuestionario sinxelo, obteranse datos para elaborar un estudo da máxima calidade e profundidade. Para levalo a cabo invitamos a todas as persoas  con artrite a darse de alta en in-pacient.es e completalo. Ademais de facelo, nesta plataforma encontrarán información útil sobre a enfermidade e unha comunidade restrinxida a persoas coa patoloxía onde intercambiar vivencias e experiencia. A continuación achegámosvos os enlaces nos que poderedes encontrar máis información sobre in-pacient.es:
 



Invitámosvos a difundir este chamamento a participar. Calquera persoa con artrite ten algo que dicir neste estudo, independentemente da súa situación laboral presente ou pasada.









1 de maio de 2015

Estancia en Laias Caldaria, neste mes de maio

Un ano máis temos prevista unha saída ao balneario LAIAS CALDARIA.

Será concretamente do 11 ao 16 de maio (de luns a sábado).

No balneario disporemos de:

  • Pensión en réxime completo (almorzo, comida e cea).
  • 6 días (cinco noites).
  • Traslado incluído (ida e volta).
  • Asistencia médica.
  • Programa termal individualizado segundo criterio médico.
  • Programa de animación.
  • Actividade de Aguagym.
  • Sendeirismo.
Como vén sendo habitual a asociación subvenciona os asociados a estanza do balneario, tendo dereito a beneficiarse os socios e socias con máis de 6 meses de antigüidade.

Esperemos que esta actividade sexa do voso agrado e vos animedes a pasar estes días connosco.

Máis información e inscricións: a través do teléfono da asociación 659 084 950 de luns a venres en horario de 11:00 a 13:00h, ou ao email info@artrite-santiago.org


Data límite de inscrición ata o 4 de maio