A semana pasada tiveron lugar os actos da campaña "
Outubro, mes da artrite".
O día 4 de outubro, no Hospital Provincial e no Hospital Clínico, instaláronse sendas mesas informativas polas que pasaron numerosas persoas interesándose por todo tipo de informacións relacionadas coa enfermidade de artrite.
E o día 6 de outubro, no Hospital Clínico, asistimos á VII Xornada Nacional de Artrite, onde tivemos oportunidade de escoitar ponencias moi interesantes: despois da inauguración e benvida da presidenta da AAS, Marisa Balado, o doutor Carlos González Juanatey achegounos información sobre o risco cardiovascular e o exercicio en pacientes con artrite reumatoide; a doutora Eva Pérez Pampín falounos sobre o medo dos pacientes aos tratamentos cando os realizan por primeira vez, e a nosa compañeira da asociación Inés Boo Ferro deu unha visión sobre o papel das persoas con artrite como cidadáns activos, e non só como "pacientes".
Como en edicións anteriores, quedamos con moi bo sabor de boca tras esta experiencia, e esperamos que esta sensación sexa compartida por todas aquelas persoas que participaron dalgunha forma neste evento. A todos eles, queremos agradecerlle dende aquí a súa colaboración: as entidades patrocinadoras, pois sen elas non sería posible; os relatores e relatoras da Xornada, que nos aportaron a súa experiencia, coñecementos e consellos; as compañeiras que se encargaron das mesas informativas, que sempre están ao pé do cañón coa nosa causa; a
Conartritis, que é a verdadeira artífice destas iniciativas, e como non, aos numerosos socios e socias da AAS e outros/as pacientes que asistiron, que demostraron o gran interese que esperta todo o relacionado coa mellora da calidade de vida nesta doenza.
Algunhas fotos destes días:
Algúns medios fixéronse eco da Xornada. As noticias publicadas poden verse na sección "prensa".