28 de outubro de 2013

Fotos da Xornada Nacional de Artrite en Redondela


O pasado 5 de outubro, no marco da campaña Outubro, mes da artrite, a Asociación de Artrite de Santiago estivo presente na xornada sobre artrite que tivo lugar en Redondela, apoiando a iniciativa da Asociación de Enfermos de Artrite de Pontevedra (ASEARPO), de recente creación.

Ver programa da xornada.

Aquí deixamos unhas fotos dese día, e facemos público o agradecemento ás persoas responsables de ASEARPO por contar coa Asociación de Santiago neste evento. Desde aquí mandámoslle todo o noso apoio, esperando poder colaborar no futuro noutros proxectos comúns.

24 de outubro de 2013

A tu Ritmo, nº 10

Xa está dispoñible o novo número do Boletín A tu Ritmo, editado por ConArtritis, e onde se recolle toda a actualidade sobre a artrite que nos pode interesar como pacientes, así como actividades das diferentes asociacións, eventos, experiencias...




Boletín nº10

E se non puideches ler os números anteriores, na web de ConArtritis, tes á túa disposición todos os boletíns publicados ata o momento.

21 de outubro de 2013

En novembro, volvemos a Laias

Estamos organizando unha nova estancia colectiva no Balneario Laias Caldaria (Ourense). Será do día 3 ao 8 de novembro (de domingo a venres)

Como de costume, a estancia inclúe aloxamento en réxime de pensión completa, traslados, programa termal personalizado segundo criterio médico, así como outras actividades de animación e lecer.

A inscrición pode facerse xa, chamando ao teléfono 659084950 (de luns a venres de 10:00 a 13:00 h.) Neste mesmo teléfono informaremos do lugar e hora de saída, prezos, e resolveremos calquera outra dúbida.


Agardámosvos!

15 de outubro de 2013

Foro "O experto responde". Día Mundial contra a Dor

Con motivo da celebración do Día Mundial contra a Dor, o vindeiro 21 de Outubro terá lugar a realización dun foro online no que calquera persoa poderá preguntar todo o que desexe saber sobre este tema. Configúrase así como un espazo accesible á cidadanía a través do cal informar e aclarar dúbidas sobre o manexo da dor.

Cómo facer as preguntas?

A través da páxina web da Escola Galega de Saúde para cidadáns, no apartado "O experto responde". O día 21 de outubro, de 18.00 a 20:00 h., aparecerá un acceso que di "Envíe agora as súas preguntas", no que hai que entrar para formular calquera dúbida. A partir dese momento os expertos responderán ás cuestións plantexadas en tempo real.

Quen responderá ás preguntas?

O Dr. Alejandro Souto Vilas, especialista en Reumatoloxia do Hospital Clinico de Santiago e Marisa Balado García, presidenta  da Asociación de Artrite de Santiago.



13 de outubro de 2013

O exercicio físico, clave na artrite reumatoide.

No marco da presentación da campaña "Outubro, mes da artrite", púxose o acento na importancia do exercicio físico como un hábito moi recomendable para as e os pacientes de artrite reumatoide.

A artrite reumatoide diferénciase doutras enfermidades crónicas en que o seu tratamento non se basea unicamente en tomar os medicamentos correspondentes. O paciente ten que manterse activo aínda que teña dor, siga as indicacións do seu médico a pesares de que desaparezan os síntomas e acuda ao fisioterapeuta de forma regular, entre outras medidas.

Segundo un estudo dos doutores Juan Antonio Olmo Fernández-Delgado, do Servizo de Rehabilitación do Hospital Comarcal do Noroeste (Murcia), e José Antonio García, do Servizo de Reumatoloxía da Clínica Sol e Mar (Murcia), a práctica continuada de exercicio físico é recomendable e inflúe positivamente en diversos aspectos da evolución da artrite, algo que podería estar relacionado cos cambios no sistema inmunitario que provoca o exercicio.
Permanecer activos mellora a forza muscular dos pacientes, o que favorece que as articulacións sufran menos. "O exercicio físico incrementa a amplitude de movemento, a capacidade de amortecemento e a flexibilidade das articulacións", explica o presidente da SER, quen engade que "non" se deben esquecer os aspectos psicolóxicos, xa que o deporte aumenta a autoestima, diminúe a ansiedade, mellora o estado de ánimo e o equilibrio emocional e, ademais, aumenta a distracción".

O exemplo de Maje Navarro

Mª Jesús Navarro
Un exemplo de como o exercicio físico reduce os síntomas da artrite reumatoide é a atleta profesional María Jesús Navarro, cara visible da campaña de ConArtritis e a quen lle diagnosticaron esta enfermidade aos 18 anos.

Nese momento o seu médico díxolle que tería que deixar o deporte, gardar repouso absoluto e mentalizarse de que podería rematar nunha cadeira de rodas. Tras oito anos sen correr, volveu crer nela e cambiou ese futuro que o predestinaran. Hoxe, a pesar da artrite, Maje Navarro compite a nivel profesional en ultramaratóns.

7 de outubro de 2013

Presentación de Outubro, mes da artrite

A Coordinadora Nacional de Artrite (ConArtritis) puxo en marcha o pasado 1 de outubro, coincidindo co Día Nacional desta enfermidade crónica, a campaña 'Outubro, mes da artrite,' que suporá a organización de diferentes xornadas e mesas informativas en 23 cidades de España para promover entre os máis de 200.000 pacientes no noso país a necesidade de manter unha actitude activa para a mellora da súa calidade de vida, entre outros aspectos.

Baixo o lema cre en ti, crea o teu futuro', a 'Outubro, mes da artrite' centrarase en facer ver os pacientes que deben "apropiarse do control da enfermidade" para que esta non se apodere das súas vidas, manténdose activos o maior tempo posible e facendo exercicio físico de forma regular.

"É moi común ver pacientes que deixan en mans dos médicos o tratamento da súa enfermidade. O certo é que son eles os que deben indicar as pautas a seguir para alcanzar unha melloría, pero se o paciente non adopta unha serie de hábitos, toma conciencia de que, en boa medida, depende del encontrarse mellor, e realmente cre que pode vivir con normalidade, resulta moi complicado que as dores, as limitacións de movemento ou o entumecemento das articulacións, síntomas propios da artrite reumatoide, non dominen ao paciente", sinalou Antonio I. Torralba, presidente de ConArtritis.
Rueda de prensa” width=
Santiago Muñoz, Antonio
Torralba e Maje Navarro

Pola súa banda, o presidente da SER, o Dr. Santiago Muñoz Fernández, asegura que "é fundamental que os pacientes se impliquen de xeito moi activo na súa enfermidade dende o diagnóstico, o tratamento e no seu día a día, para que aprendan a convivir con ela o antes posible. Nas patoloxías reumáticas en xeral e na artrite reumatoide en concreto, a adherencia ao tratamento é clave para mellorar a calidade de vida dos enfermos, polo que esa implicación é básica para adiantarse ao progreso da doenza,".

Se che interesa informarte sobre a artrite, non faltes á IX Xornada Nacional de Artrite, en Santiago de Compostela, o día 11 de outubro.

4 de outubro de 2013

IX Xornada Nacional de Artrite

Unha das actividades contempladas na campaña "Outubro, mes da artrite", é a organización da IX Xornada Nacional de ArtriteImpulsada por ConArtritis, a xornada desenvolverase en 19 cidades españolas. 

Este ano, por primeira vez, tamén se levará a cabo a xornada na vila de Redondela, o día 5 de outubro, da man dunha nova Asociación de artrite de recente creación. A Asociación de Artrite de Santiago estará acompañando e apoiando esta iniciativa. A información sobre as actividades no resto de cidades, pode consultarse na web de ConArtritis.

Centrándonos na xornada de Santiago de Compostela, e organizada pola nosa asociación, contaremos coa presenza de profesionais que nos falarán de diferentes aspectos relacionados coa artrite.

A psicóloga Dna. Enma Mayo, centrarase nas necesidades das persoas con artrite. A reumatóloga Dra. Eva Pérez Pampín centrarase nas síndromes e enfermidades asociadas á artrite. E o reumatólogo Dr. Juan Gómez-Reino Carnota exporá os tratamentos biolóximos e biosimilares que poden aplicarse en diferentes tipos de artrite.

Despois das súas explicacións, haberá lugar para o coloquio, e as persoas asistentes poderán facerlle preguntas aos profesionais, para resolver calquera dúbida.

Terá lugar o vindeiro 11 de outubro no Hospital Clínico (Sala 1), a partir das 17:00 h. Confirma a túa asistencia no teléfono 659.084.950. Esperámoste!


Ver programa





1 de outubro de 2013

Día Nacional da Artrite

Hoxe, 1 de outubro, é o Día Nacional da Artrite. 

Como xa adiantamos, no marco da campaña "Outubro, mes da artrite", levaremos a cabo actividades co obxectivo de sensibilizar a informar sobre esta doenza, sobre a que existe gran descoñecemento e moitos prexuízos e ideas equivocadas.

MESAS INFORMATIVAS. Ao longo da mañá de hoxe, manteivemos catro puntos de información, a través dos cales demos a coñecer a asociación, os diferentes tipos de artrite, os tratamentos e terapias que poden axudar a calmar a dor, e outras dúbidas das persoas que se achegaron ata alí. Este ano ampliamos cobertura, pois contamos cun total de catro mesas: dúas no Hospital Clínico, unha no Hospital de Conxo, e outra no Centro de saúde Concepción Arenal.

IX XORNADA NACIONAL DE ARTRITE. Como vén sendo habitual, neste mes celebraremos tamén unha xornada informativa, en forma de mesa redonda, na que participarán persoas expertas neste eido. A xornada está dirixida principalmente a persoas que padecen artrite, así como as súas familias e persoas interesadas no tema. A asistencia é libre e gratuíta. Terá lugar o vindeiro 11 de outubro no Hospital Clínico de Santiago (Sala 1), a partir das 17:00 h.. Ver programa.

IX Jornada Nacional de Artritis