Amosando publicacións coa etiqueta enquisa. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta enquisa. Amosar todas as publicacións

4 de maio de 2015

Impacto da artrite na vida laboral e profesional. Axúdanos a coñecer experiencias


Os efectos que a artrite reumatoide provoca no ámbito laboral e profesional das persoas que padecen a enfermidade é un dos aspectos que máis preocupan, e non obstante non existen estudos en profundidade ao respecto. A Coordinadora Nacional de Artrite é consciente das dificultades que implica manterse estable nun posto de traballo e compaxinalo cos efectos da enfermidade, xa que en moitas ocasións as decisións que se toman en relación coa vida laboral se ven influenciadas pola artrite; pero carecemos de datos concretos e vivencias.

Por esta razón,
ConArtritis quere impulsar a realización dun estudo que mostre as vivencias e experiencias laborais das persoas que padecen artrite, independentemente da súa situación actual.
 
Para iso conta coa colaboración da plataforma web in-pacient.es que cedeu a súa infraestrutura para poder levalo a cabo.

Agora falta o máis importante: a colaboración das persoas que padecen artrite para achegar a información da súa vivencia.
A través dun cuestionario sinxelo, obteranse datos para elaborar un estudo da máxima calidade e profundidade. Para levalo a cabo invitamos a todas as persoas  con artrite a darse de alta en in-pacient.es e completalo. Ademais de facelo, nesta plataforma encontrarán información útil sobre a enfermidade e unha comunidade restrinxida a persoas coa patoloxía onde intercambiar vivencias e experiencia. A continuación achegámosvos os enlaces nos que poderedes encontrar máis información sobre in-pacient.es:
 



Invitámosvos a difundir este chamamento a participar. Calquera persoa con artrite ten algo que dicir neste estudo, independentemente da súa situación laboral presente ou pasada.









22 de febreiro de 2015

Participa no II barómetro EsCrónicos

ConArtritis, como unha das asociacións máis representativas de pacientes crónicos de España, participa no II barómetro EsCrónicos.


Para isto, xa está colgada na súa web o enlace ao cuestionario que os pacientes debemos contestar para recabar datos para o estudio.

Con esta investigación quere facerse ver a percepción dos pacientes crónicos sobre o acceso e calidade da atención sanitaria durante 2014.

É importante recoller os aspectos máis relevantes para así facer forza para melloralos. Por iso pedimos que dediquedes uns minutos a completar o cuestionario. Por favor, é importante contestar todas as preguntas porque do contrario non se dará por válido.

Máis información sobre o estudio e acceso ao cuestionario

2 de decembro de 2013

Trazando o futuro en Artrite Reumatoide. Resultados do estudo

En marzo deste ano animábamos a participar no proxecto "Trazando o futuro en Artrite Reumatoide", cubrindo un cuestionario facilitado por ConArtritis, e que tiña como obxectivo recoller datos para coñecer as inquietudes e os aspectos que preocupan ás persoas afectadas pola artrite reumatoide ante o escenario económico e sanitario no que hoxe nos encontramos.

 

ConArtritis vén de presentar recentemente o documento no que se recolle e analiza a información extraída desa enquisa.

Con esta publicación queren facerse máis visibles as preocupacións dos pacientes, e ofrecer algunhas propostas para mellorar estes aspectos.

Como datos máis destacables, sinálase que o  95% dos pacientes con artrite reumatoide asegura que a enfermidade afecta moito ou bastante á súa vida laboral. Un 93% das pesoas enquisadas considera, ademais, que a artrite reumatoide carece de presenza na axenda política: para que o impacto sexa recoñecido entre a poboación e os axentes sociais, ha de situarse ao mesmo nivel que outras enfermidades crónicas. O 84% considera tamén que os axustes están a afectar a abordaxe da enfermidade e ata un 78% sinala, en concreto, dificultades no acceso aos tratamentos.


19 de setembro de 2013

Cuestionario para pacientes xóvenes

Open Reuma é unha asociación científica sen ánimo de lucro que dende o 2011 aglutina profesionais da saúde con interese nas doenzas reumáticas, pero que non poden integrarse na Sociedade Española de Reumatoloxía por non ser reumatólogos.

Esta entidade elaborou un cuestionario co obxectivo de coñecer as experiencias e necesidades de persoas xóvenes, de entre 18-35 anos, con algunha enfermidade reumática en Europa. O cuestionario é anónimo e os seus resultados serán utilizados para a elaboración dun informe que permitirá orientar as estratexias futuras de pacientes xóvenes con patoloxías reumáticas en Europa.


Se cumpres co perfil, podes tomar uns minutos para responder as súas preguntas online. O resultado do estudo publicarase a finais deste mes de setembro, pero aínda quedan uns días para colaborar.




26 de marzo de 2013

Participa na enquisa para pacientes con AR

Se padeces artrite reumatoide, convidámoste a participar no proxecto "Trazando o futuro en Artrite Reumatoide", que está a recoller datos a través dunha enquisa realizada por ConArtritis.

O cuestionario diríxese aos pacientes con artrite reumatoide coa finalidade de coñecer as inquietudes e os aspectos que lles preocupan ante o novo escenario económico e sanitario no que hoxe nos encontramos.

Esta enquisa forma parte do proxecto “Trazando o futuro en Artrite Reumatoide”, que ten como obxectivo trasladar ás autoridades sanitarias e poderes públicos os puntos clave, e imprescindibles, a ter en conta para mellorar as vidas das persoas con artrite reumatoide, e das súas familias. Por iso, a túa participación É MOI IMPORTANTE.

Enlace á enquisa (só che levará 5 min.)

28 de setembro de 2012

Enquisa a pacientes de enfermidades músculo-esqueléticas

¿Diagnosticáronche unha enfermidade que afecta aos músculos, ósos ou articulacións (por exemplo artrite ou dor de espalda)?

Se a resposta é si, e tes máis de 18 anos, gustaríanos escoitar as túas experiencias vivindo coa enfermidade, o tratamento e os seus beneficios, a xestión do teu traballo e a problemática de encontrar traballo e saír del.


Podes trasladar esta información a través dunha enquisa realizada por Work Foundation e Fit for Work Europe, unha importante iniciativa europea que pretende axudar a quen padecen enfermidades musculo-esqueléticas para que poidan desempeñar un papel activo no traballo. 

Os resultados deste estudio poñeranse a disposición de profesionais médicos e sociosanitarios, Asociacións de Pacientes, gobernos e a Comisión Europea, co obxectivo de que as conclusións da enquisa contribúan a aumentar as axudas que reciben as persoas con enfermidades músculo-esqueléticas para que poidan seguir traballando ou volver ao seu emprego.

É importante conseguir a participación de moitas persoas, pois cantas máis contesten á enquisa máis consistentes serán os resultados e máis acertadas as conclusións. Por iso, animámoste a que mandes as túas respostas a través do cuestionario (non che levará máis de 15 minutos, dependendo das respostas que deas)