28 de setembro de 2011

Outubro, mes da artrite | 2011


Como en anos anteriores, a Coordinadora Nacional de Artrite (ConArtritis) celebrará o próximo mes de outubro a campaña "Outubro, mes da artrite".
O propósito desta campaña é informar a pacientes, familiares e cidadanía en xeral das peculiaridades da nosa doenza, onde responderemos ás súas dúbidas e achegaremos o material informativo que sexa necesario.
Baixo o lema "Implícate en saúde" preséntase este ano un programa de actividades que se realizarán en diferentes puntos de España, para concienciar ás persoas con artrite da importancia de coñecer a súa enfermidade e manter unha vida saudable, así como intentar dar a coñecer á poboación en xeral o que supón convivir con artrite.
O noso afán é mellorar a calidade de vida das persoas con artrite e queremos pedirche que te impliques en saúde, na túa saúde.
É moi importante para as persoas que sufrimos a enfermidade, as nosas familias, amizades ou o noso ámbito en xeral estar informado. O feito de mostrarse pasivo produce malestar e encerra grades dúbidas que tal vez non nos permiten realizar as nosas actividades diarias de forma satisfactoria, por iso nesta campaña pedímosche que participes, que te impliques.
Ofrecémosche coñecer a nosa enfermidade, informar dos tratamentos que existen e trataremos de dar respostas e apoio.

Os actos previstos para este ano son os seguintes: 
 
VII Xornada Nacional de Artrite: onde se creará un encontro e un espazo de coloquio entre pacientes e expertos na materia.
En Santiago de Compostela, esta xornada celebrarase en colaboración coa Asociación de Artrite de Santiago o día 6 de outubro na sala 1 do Hospital Clínico, a partir das 17:00 h.

Mesas informativas en hospitais, centros de saúde e centros de especialidades: onde se poderá encontrar toda a información para coñecer a enfermidade e resolver todas as dúbidas que se teñan.
Como cada ano, tamén a nosa asociación colabora nesta actividade, organizando estas mesas informativas no Hospital Clínico (entrada principal e de consultas externas) e no Hospital Provincial de Conxo (entrada principal), o día 4 de outubro.