22 de setembro de 2013

Outubro, mes da artrite 2013

O día 1 de outubro é o Día Nacional da Artrite. E durante todo o mes, en colaboración con ConArtritis, realizaremos actividades de sensibilización sobre esta doenza, enmarcadas na campaña Outubro, mes da artrite

O lema elixido para este ano é "Cree en ti, crea tu futuro", co obxectivo de facer ver que, aínda que son os especialistas os que pautan os tratamentos a seguir e recomendan como debe ser o día a día, os pacientes son realmente os que teñen que coller as rendas da situación, adoptar unha actitude positiva, e crer nas súas posibilidades para que cada mañá se levanten con máis forzas e ganas de seguir gozando da vida, a pesar de que ás veces teñan limitacións.

Esta idea únese ás que deron orixe á campaña, que 
non son outras que aumentar a visibilidade da artrite reumatoide, a artrite psoriásica, a artrite idiopática xuvenil e a espondiloartrite, mellorar a calidade de vida das persoas que as padecen, e favorecer a relación coas administracións públicas, sociedade científica, empresas farmacéuticas e outros colectivos de interese.

A campaña engloba actividades que se realizarán por toda a xeografía española, sendo a Asociación de Artrite de Santiago a encargada de organizar os actos de Santiago de Compostela, dos que iremos informando nos próximos días.

19 de setembro de 2013

Cuestionario para pacientes xóvenes

Open Reuma é unha asociación científica sen ánimo de lucro que dende o 2011 aglutina profesionais da saúde con interese nas doenzas reumáticas, pero que non poden integrarse na Sociedade Española de Reumatoloxía por non ser reumatólogos.

Esta entidade elaborou un cuestionario co obxectivo de coñecer as experiencias e necesidades de persoas xóvenes, de entre 18-35 anos, con algunha enfermidade reumática en Europa. O cuestionario é anónimo e os seus resultados serán utilizados para a elaboración dun informe que permitirá orientar as estratexias futuras de pacientes xóvenes con patoloxías reumáticas en Europa.


Se cumpres co perfil, podes tomar uns minutos para responder as súas preguntas online. O resultado do estudo publicarase a finais deste mes de setembro, pero aínda quedan uns días para colaborar.




18 de setembro de 2013

Tai chi, Chi kung e meditación

Xa está aberta a inscrición para as actividades de Chi-Kung, Meditación e Tai-Chí. Estas actividades poden ter un efecto moi positivo sobre a artrite, pois fortalecen as articulacións.


Actividade subvencionada para os socios e socias da Asociación de Artrite de Santiago!

Infórmate sobre como inscribirte no teléfono do centro: 981528750.

17 de setembro de 2013

Fotos da excursión ós Pazos

Comezamos a volta de vacacións ensinando as fotos da última excursión que fixemos na asociación. O día 6 de xullo visitamos os Pazos de Armada (en Vedra) e o Pazo de Oca (na Estrada).


O Pazo de Oca é un dos mais famosos de Galicia polos seus fermosos xardíns, que teñen pontes, árbores pouco frecuentes e, entre outras moitas cousas máis, un encoro con parrulos e gansos. Esta casa señorial foi construída entre os séculos XVII e XVIII.

O Pazo de Armada, tamén de gran sona, é coñecido polos seus xardins de camelias e por un centenario oliveiral en forma cruz.