30 de abril de 2014

Belneoterapia do 25 ao 30 de maio

Un ano máis iniciamos en maio a actividade de balneoterapia no balneario de Laias Caldaria dende o 25 ó 30 de maio (de domingo a venres). 
No balneario disporemos de:
  • Pensión en réxime completo (almorzo, comida e cea).
  • 6 días (cinco noites).
  • Traslado incluído (ida e volta).
  • Asistencia médica.
  • Programa termal individualizado segundo criterio médico.
  • Programa de animación.
  • Actividade de Aguagym.
  • Sendeirismo.
Como vén sendo habitual a asociación subvenciona os asociados a estanza do balneario e dependendo das persoas que se apunten pode variar o custo.

Recordamos que as persoas asociadas con antigüidade de máis de 6 meses terán dereito a beneficiarse da devandita subvención.

Data límite de inscrición ata o 9 de maio, a través do teléfono da asociación
659 084 950 de luns a venres en horario de 10:00 a 13:00h. A partir do día 9
devolveremos as chamadas para informar do prezo final da actividade.

Esperamos que esta actividade sexa do voso agrado e vos animedes a pasar estes días
connosco.

28 de abril de 2014

#másqueundolor Campaña para a detección precoz das enfermidades reumáticas

A Sociedade Española de Reumatoloxía quere concienciar á poboación de que sufrir calquera tipo de dor non é normal, e de que o que se debe facer nestes casos é consultar ao noso médico. 

Hoxe en día, as persoas que sofren dor acuden a internet como fonte de información, pero isto pode causar máis confusión, e non aportar solucións adecuadas.

Sabendo isto, lanzan a campaña en internet #másqueundolor, que consiste nunha páxina web na que as persoas que sofren dor crónica poden facer un cuestionario para orientalos sobre se esa dor pode ser de orixe reumática.

Se cres que podes ter unha enfermidade reumática, podes realizar o cuestionario, que che ofrecerá orientación, ollo! só o médico pode ofrecer un diagnóstico certeiro. Non deixes de consultalo.

E se xa tes diagnosticada unha enfermidade reumática, anímate a contar a túa experiencia ou enviar unha mensaxe de ánimo nesta web, axudando así a concienciar sobre a importancia de acudir aos especialistas médicos. Ou le as experiencias que xa se publicaron, seguro que te identificarás cos protagonistas.

www.masqueundolor.com 


22 de abril de 2014

Campamento de verán para nenos e nenas con enfermidades reumáticas

A Sociedade Española de Reumatoloxía (SER) organiza, por segundo ano consecutivo, un campamento de verán para nenas e nenos con enfermidades reumáticas. Esta iniciativa, enmárcase no ámbito de Responsabilidade Social Corporativa (RSC) e busca fomentar a mellora da autonomía dos participantes, así como favorecer as relacións sociais e solidariedade. Ademais servirá de apoio e axuda a nais, pais e coidadores.

O campamento levarase a cabo do 29 de xuño ao 13 de xullo nunha granxa escola en Brunete (Madrid) e terá unha capacidade máxima de 40 prazas para nenas e nenos entre 8 e 14 anos de toda España.

Está aberto o prazo de inscrición ata o 15 de maio.



3 de abril de 2014

Charla sobre reumatoloxía pediátria e artrite idiopática xuvenil


Moi pronto poderemos escoitar unha charla sobre Reumatoloxía pediátrica e Artrite idiopática xuvenil, dirixida aos pais e nais de nenos ou nenas afectadas por unha enfermidade reumática.
Organizada pola Asociación de Artite de Santiago, coa colaboración coa Xerencia de Xestión Integrada de Santiago de Compostela do Sergas, nesta charla teremos ocasión de escoitar á Dra. Inmaculada Calvo, Xefa de Reumatoloxía Pediátrica do Hospital La Fe Valencia, a quen poderemos formularlle tamén as nosas dúbidas.

  • Onde: Hospital Clínico de Santiago. Aula 2 (planta baixa)
  • Cando: 25 de abril ás 18:00 h.


2 de abril de 2014

Estivemos no I Congreso de pacientes con enfermidades reumáticas

A Sociedade Española de Reumatoloxía empezou a traballar nunha nova liña estratéxia para o achegamento aos pacientes. E boa mostra disto foi a posta en marcha do I Congreso de pacientes con enfermidades reumáticas, que se celebrou en Madrid os días 21 e 22 de marzo, e no que tivemos ocasión de participar.
O obxectivo principal foi crear un punto de encontro no que dar cabida ás necesidades e inquietudes das persoas que padecen enfemidades reumáticas, así como mellorar a súa información nun entorno de confianza e colaboración mutua.
Tratáronse temas de interese xeral como a discapacidade, a dor crónica, o papel da Atención Primaria e a Enfermería, o movemento asociativo e os hábitos de vida saudables; pasando por outros asuntos de actualidade como os fármacos biosimilares ou a Estratexia Nacional de Enfermidades Reumáticas e Musculoesqueléticas.
ConArtritis foi unha das entidades que colaboraron na organización do Congreso, formando parte do seu Comité Científico, co obxectivo de trasladar as inquietudes e necesidades dos pacientes con artrite.

O programa do congreso pode consultarse aquí.