28 de xullo de 2017

Balneario: unha boa proposta para as vacacións...

Atópaste buscando destino para as túas vacacións? 


A balneoterapia podería ser unha boa opción para un paciente de artrite. A súa influencia é benéfica para todo o organismo.
Nunha estancia de balneoterapia, gozaremos de momentos de relaxamento en contacto coa auga, estimulando a circulación sanguínea, o ton muscular, a forza nerviosa, a dixestión, eliminando células mortas e toxinas do corpo.
Tamén contribúe á desaparición de diversas inflamacións e é un medio alternativo para aliviar diversas dores, por exemplo, os provocados por unha artrite.
Desde a Asociación, dispoñemos de convenios con distintos balnearios: accédese ás instalacións cuns programas personalizados adecuados ás necesidades médicas de cada persoa (consulta cun médico), e con grandes descontos. Só necesitas ser socio de AAS.

Para maior información, estaremos á súa disposición no 659084950 ou no mail info@artrite-santiago.org

21 de xullo de 2017

Veranito: un bo momento para deixar de fumar?

Numerosos estudos demostraron que o tabaco está asociado a un incremento do risco de artrite reumatoide, e tamén que determina un curso evolutivo máis grave e unha maior destrución articular, tendo o tratamento antirreumático peor resposta nos pacientes fumadores.



Propoñémonos deixar de fumar?

Sendo socio de AAS, Emma Maio, a nosa psicóloga sanitaria en exercicio, nº G-4413, poderíache dar unhas pautas para enfrontarte a esta nova etapa: desfrutarías dun desconto.

Pénsao!


14 de xullo de 2017

Xornada de presentación do Mapa de Demanda Temperá do Plan de Innovación Sanitaria Código 100



Seguimos traballando para vós. O mércores respondemos á invitación do Sergas, presentándonos no Edificio administrativo en San Lázaro e coñecer os avances no proxecto CÓDIGO 100,  e temos que contarvos que hai unha gran cantidade de propostas, e que unha gran partida do orzamento esta prevista para responder as necesidades das enfermidades reumatóloxicas. En efecto, 750.000 € están reservados para os Biomarcadores de diagnóstico temperán, predición de resposta e/ou monitoraxe de pacientes con enfermidades reumatolóxicas. O conselleiro de Sanidade, D. Jesús Vázquez Almuiña, non dubidou en insistir en seguir na linea na que se está traballando, tendo sempre en mente o paciente, que ao fin é o primeiro interesado. 

Queredes saber máis? http://codigo100.sergas.gal/


Seguiremos informando!

De vacacións con AR



Aspectos a ter en conta á hora de irnos de vacacións:

➤ Planificar a medicación que imos necesitar sobre todo se viaxamos fóra da nosa comunidade ou de España. Non te esquezas o teu informe médico, podes necesitalo.

➤ Se temos que movernos coa nosa medicación e esta debe conservarse en frío é importante lembrar: 


  1. Levar o tratamento nunha bolsa isotérmica coas bolsas de xel para non perder a cadea de frío.
  2. No caso de que non se poida manter o fármaco en frío, infórmese co seu especialista para ver canto tempo pode estar a temperatura ambiente sen perder as súas propiedades.
  3. O fármaco debe ir na equipaxe de man, non debe facturalo, este poderíase extraviar.
  4. Se vai voar, contacte coa compañía aérea para informar da medicación que ten que trasladar.

Planifícate, infórmate e divírtete!





10 de xullo de 2017

Juan Gómez-Reino, presidente electo da Sociedade Española de Reumatología

As enfermidades reumáticas afectan ao aparato locomotor, son máis de 250 e poden poñer en risco a vida do paciente.

Un de cada cinco adultos en España está afectado por unha enfermidade reumática. Máis de 200.000 persoas padecen artrite reumatoide. Xunto a ela, á artrite, a artrose ou a dor lumbar, son as máis frecuentes ou as que estamos máis afeitos a escoitar; pero estas doenzas suman máis de 250. Con todo, aínda existe un grande descoñecemento porque pensamos que se trata de enfermidades leves, pero pola contra poden supoñer un risco para a vida do paciente.

Pero o Dr. Gomez Reinoso, Presidente electo da Sociedade Española de Reumatoloxía, lánzanos unha clara mensaxe de esperanza. Escóiteno nesta ligazón!

http://www.crtvg.es/informativos/juan-gomez-reino-presidente-electo-da-sociedade-espanola-de-reumatologia-3104684


8 de xullo de 2017

Exposición ao sol con Artrite

No verán, ao ter máis horas de sol, é boa época para sintetizar a vitamina D e compensar a súa carencia durante o inverno, pero debemos lembrar que as persoas que padecen enfermidades reumáticas deben protexerse fronte á radiación solar, xa que algúns dos tratamentos son fotosensibles (antiinflamatorios e algúns inmunosupresores como a ciclosporina), mentres que o metrotexato e as terapias biolóxicas non adoitan presentar fotosensibilidade. Recoméndase utilizar protector 50 de forma habitual, pero especialmente nesta época do ano sobre todo se a exposición é maior a 10 minutos, renovar a súa aplicación como mínimo cada 2 horas e evitar a exposición solar entre as 12:00h e as 17:00h por ser as horas de maior radiación.



Para maior información, estaremos á súa disposición no 659084950 ou no mail info@artrite-santiago.org