19 de maio de 2013

Campamento de verán para nenos e nenas con enfermidades reumáticas

A Sociedade Española de Reumatoloxía (SER) xunto coa Coordinadora Nacional de Artrite (ConArtritis) organizan un campamento moi especial para nenos e nenas con enfermidade reumática. O seu único obxectivo é fomentar a mellora da súa autonomía, así como favorecer as relacións sociais e solidariedade neste tipo de pacientes. Pero, por outra parte, tamén ten o obxectivo de dar apoio e axuda aos pais.

Para Antonio Torralba, presidente de ConArtritis, "organizar este tipo de actividades resulta moi gratificante porque favorece a mellora, tanto física como anímica dos nenos, xa que lles axuda a aprender a manexar mellor os seus síntomas e conviven durante uns días con outros nenos que se encontran na súa mesma situación", ao que engade "ademais, no campamento poténciase a adquisición de hábitos de vida saudables, algo fundamental para os máis pequenos porque se os aprenden a estas idades, mantéñenos durante toda a vida, o que lles axudará a levar mellor a enfermidade ao longo dos anos,".

Pola súa banda, o Dr. Miguel Ángel Caracuel, vicepresidente da SER e responsable da Comisión da Responsabilidade Social Corporativa (RSC) da Sociedade, considera que, "paga a pena realizar un esforzo económico como este se conseguimos axudar, na medida das nosas posibilidades, aos pacientes pediátricos. O que buscamos é que os únicos beneficiarios desta actividade sexan os nenos afectados por algunha enfermidade reumática".

O campamento levarase a cabo na Granxa Escola Albitana de Brunete (Madrid) dende o día 6 ao 20 de xullo, e terá unha capacidade para 40 nenos e nenas de entre 8 e 14 anos, de todo o territorio nacional, e que teñan estable a súa enfermidade. Para a súa admisión pídese a aprobación e informe favorable do seu médico.

O período de inscrición estará aberto ata o día 30 de maio.

Descarga as bases e o boletín de inscrición

Novo número de A tu Ritmo

Hai pouco editouse un novo número do boletín da Coordinadora Nacional de Artrite, ConArtritis, "A tu Ritmo", con todas as noticias e novidades que aconteceron entorno á Coordinadora e as súas asociacións membro.

Neste número 8, correspondente aos meses de marzo-abril, Antonio I. Torralba, presidente de ConArtritis, quixo resaltar no editorial a importancia que ten para o movemento asociativo saber como están e que necesidades teñen os pacientes, xa que é o que posibilita que se realicen traballos como o estudo psicosocial "Artrite Reumatoide, a relación dos pacientes cos seus tratamentos" que realizou ConArtritis.

Este estudo, que foi presentado no mes de abril, así como as conclusións da Asemblea Xeral Ordinario de ConArtritis ou o encontro internacional con outras asociacións de pacientes, son algúns dos temas que se tratan neste novo número de "A tu Ritmo".

Esperamos que vos resulte interesante.


Descargar boletín.