O día 1 de outubro é o Día Nacional da Artrite. E durante todo o mes, en colaboración con ConArtritis, realizaremos actividades de sensibilización sobre esta doenza, enmarcadas na campaña Outubro, mes da artrite.
O lema elixido para este ano é "Cree en ti, crea tu futuro", co obxectivo de facer ver que, aínda que son os especialistas os que pautan os tratamentos a seguir e recomendan como debe ser o día a día, os pacientes son realmente os que teñen que coller as rendas da situación, adoptar unha actitude positiva, e crer nas súas posibilidades para que cada mañá se levanten con máis forzas e ganas de seguir gozando da vida, a pesar de que ás veces teñan limitacións.
Esta idea únese ás que deron orixe á campaña, que non son outras que aumentar a visibilidade da artrite reumatoide, a artrite psoriásica, a artrite idiopática xuvenil e a espondiloartrite, mellorar a calidade de vida das persoas que as padecen, e favorecer a relación coas administracións públicas, sociedade científica, empresas farmacéuticas e outros colectivos de interese.
A campaña engloba actividades que se realizarán por toda a xeografía española, sendo a Asociación de Artrite de Santiago a encargada de organizar os actos de Santiago de Compostela, dos que iremos informando nos próximos días.
0 comentarios:
Fai un comentario: