28 de outubro de 2013

Fotos da Xornada Nacional de Artrite en Redondela


O pasado 5 de outubro, no marco da campaña Outubro, mes da artrite, a Asociación de Artrite de Santiago estivo presente na xornada sobre artrite que tivo lugar en Redondela, apoiando a iniciativa da Asociación de Enfermos de Artrite de Pontevedra (ASEARPO), de recente creación.

Ver programa da xornada.

Aquí deixamos unhas fotos dese día, e facemos público o agradecemento ás persoas responsables de ASEARPO por contar coa Asociación de Santiago neste evento. Desde aquí mandámoslle todo o noso apoio, esperando poder colaborar no futuro noutros proxectos comúns.

24 de outubro de 2013

A tu Ritmo, nº 10

Xa está dispoñible o novo número do Boletín A tu Ritmo, editado por ConArtritis, e onde se recolle toda a actualidade sobre a artrite que nos pode interesar como pacientes, así como actividades das diferentes asociacións, eventos, experiencias...




Boletín nº10

E se non puideches ler os números anteriores, na web de ConArtritis, tes á túa disposición todos os boletíns publicados ata o momento.

21 de outubro de 2013

En novembro, volvemos a Laias

Estamos organizando unha nova estancia colectiva no Balneario Laias Caldaria (Ourense). Será do día 3 ao 8 de novembro (de domingo a venres)

Como de costume, a estancia inclúe aloxamento en réxime de pensión completa, traslados, programa termal personalizado segundo criterio médico, así como outras actividades de animación e lecer.

A inscrición pode facerse xa, chamando ao teléfono 659084950 (de luns a venres de 10:00 a 13:00 h.) Neste mesmo teléfono informaremos do lugar e hora de saída, prezos, e resolveremos calquera outra dúbida.


Agardámosvos!

15 de outubro de 2013

Foro "O experto responde". Día Mundial contra a Dor

Con motivo da celebración do Día Mundial contra a Dor, o vindeiro 21 de Outubro terá lugar a realización dun foro online no que calquera persoa poderá preguntar todo o que desexe saber sobre este tema. Configúrase así como un espazo accesible á cidadanía a través do cal informar e aclarar dúbidas sobre o manexo da dor.

Cómo facer as preguntas?

A través da páxina web da Escola Galega de Saúde para cidadáns, no apartado "O experto responde". O día 21 de outubro, de 18.00 a 20:00 h., aparecerá un acceso que di "Envíe agora as súas preguntas", no que hai que entrar para formular calquera dúbida. A partir dese momento os expertos responderán ás cuestións plantexadas en tempo real.

Quen responderá ás preguntas?

O Dr. Alejandro Souto Vilas, especialista en Reumatoloxia do Hospital Clinico de Santiago e Marisa Balado García, presidenta  da Asociación de Artrite de Santiago.



13 de outubro de 2013

O exercicio físico, clave na artrite reumatoide.

No marco da presentación da campaña "Outubro, mes da artrite", púxose o acento na importancia do exercicio físico como un hábito moi recomendable para as e os pacientes de artrite reumatoide.

A artrite reumatoide diferénciase doutras enfermidades crónicas en que o seu tratamento non se basea unicamente en tomar os medicamentos correspondentes. O paciente ten que manterse activo aínda que teña dor, siga as indicacións do seu médico a pesares de que desaparezan os síntomas e acuda ao fisioterapeuta de forma regular, entre outras medidas.

Segundo un estudo dos doutores Juan Antonio Olmo Fernández-Delgado, do Servizo de Rehabilitación do Hospital Comarcal do Noroeste (Murcia), e José Antonio García, do Servizo de Reumatoloxía da Clínica Sol e Mar (Murcia), a práctica continuada de exercicio físico é recomendable e inflúe positivamente en diversos aspectos da evolución da artrite, algo que podería estar relacionado cos cambios no sistema inmunitario que provoca o exercicio.
Permanecer activos mellora a forza muscular dos pacientes, o que favorece que as articulacións sufran menos. "O exercicio físico incrementa a amplitude de movemento, a capacidade de amortecemento e a flexibilidade das articulacións", explica o presidente da SER, quen engade que "non" se deben esquecer os aspectos psicolóxicos, xa que o deporte aumenta a autoestima, diminúe a ansiedade, mellora o estado de ánimo e o equilibrio emocional e, ademais, aumenta a distracción".

O exemplo de Maje Navarro

Mª Jesús Navarro
Un exemplo de como o exercicio físico reduce os síntomas da artrite reumatoide é a atleta profesional María Jesús Navarro, cara visible da campaña de ConArtritis e a quen lle diagnosticaron esta enfermidade aos 18 anos.

Nese momento o seu médico díxolle que tería que deixar o deporte, gardar repouso absoluto e mentalizarse de que podería rematar nunha cadeira de rodas. Tras oito anos sen correr, volveu crer nela e cambiou ese futuro que o predestinaran. Hoxe, a pesar da artrite, Maje Navarro compite a nivel profesional en ultramaratóns.

7 de outubro de 2013

Presentación de Outubro, mes da artrite

A Coordinadora Nacional de Artrite (ConArtritis) puxo en marcha o pasado 1 de outubro, coincidindo co Día Nacional desta enfermidade crónica, a campaña 'Outubro, mes da artrite,' que suporá a organización de diferentes xornadas e mesas informativas en 23 cidades de España para promover entre os máis de 200.000 pacientes no noso país a necesidade de manter unha actitude activa para a mellora da súa calidade de vida, entre outros aspectos.

Baixo o lema cre en ti, crea o teu futuro', a 'Outubro, mes da artrite' centrarase en facer ver os pacientes que deben "apropiarse do control da enfermidade" para que esta non se apodere das súas vidas, manténdose activos o maior tempo posible e facendo exercicio físico de forma regular.

"É moi común ver pacientes que deixan en mans dos médicos o tratamento da súa enfermidade. O certo é que son eles os que deben indicar as pautas a seguir para alcanzar unha melloría, pero se o paciente non adopta unha serie de hábitos, toma conciencia de que, en boa medida, depende del encontrarse mellor, e realmente cre que pode vivir con normalidade, resulta moi complicado que as dores, as limitacións de movemento ou o entumecemento das articulacións, síntomas propios da artrite reumatoide, non dominen ao paciente", sinalou Antonio I. Torralba, presidente de ConArtritis.
Rueda de prensa” width=
Santiago Muñoz, Antonio
Torralba e Maje Navarro

Pola súa banda, o presidente da SER, o Dr. Santiago Muñoz Fernández, asegura que "é fundamental que os pacientes se impliquen de xeito moi activo na súa enfermidade dende o diagnóstico, o tratamento e no seu día a día, para que aprendan a convivir con ela o antes posible. Nas patoloxías reumáticas en xeral e na artrite reumatoide en concreto, a adherencia ao tratamento é clave para mellorar a calidade de vida dos enfermos, polo que esa implicación é básica para adiantarse ao progreso da doenza,".

Se che interesa informarte sobre a artrite, non faltes á IX Xornada Nacional de Artrite, en Santiago de Compostela, o día 11 de outubro.

4 de outubro de 2013

IX Xornada Nacional de Artrite

Unha das actividades contempladas na campaña "Outubro, mes da artrite", é a organización da IX Xornada Nacional de ArtriteImpulsada por ConArtritis, a xornada desenvolverase en 19 cidades españolas. 

Este ano, por primeira vez, tamén se levará a cabo a xornada na vila de Redondela, o día 5 de outubro, da man dunha nova Asociación de artrite de recente creación. A Asociación de Artrite de Santiago estará acompañando e apoiando esta iniciativa. A información sobre as actividades no resto de cidades, pode consultarse na web de ConArtritis.

Centrándonos na xornada de Santiago de Compostela, e organizada pola nosa asociación, contaremos coa presenza de profesionais que nos falarán de diferentes aspectos relacionados coa artrite.

A psicóloga Dna. Enma Mayo, centrarase nas necesidades das persoas con artrite. A reumatóloga Dra. Eva Pérez Pampín centrarase nas síndromes e enfermidades asociadas á artrite. E o reumatólogo Dr. Juan Gómez-Reino Carnota exporá os tratamentos biolóximos e biosimilares que poden aplicarse en diferentes tipos de artrite.

Despois das súas explicacións, haberá lugar para o coloquio, e as persoas asistentes poderán facerlle preguntas aos profesionais, para resolver calquera dúbida.

Terá lugar o vindeiro 11 de outubro no Hospital Clínico (Sala 1), a partir das 17:00 h. Confirma a túa asistencia no teléfono 659.084.950. Esperámoste!


Ver programa