28 de setembro de 2011

Outubro, mes da artrite | 2011


Como en anos anteriores, a Coordinadora Nacional de Artrite (ConArtritis) celebrará o próximo mes de outubro a campaña "Outubro, mes da artrite".
O propósito desta campaña é informar a pacientes, familiares e cidadanía en xeral das peculiaridades da nosa doenza, onde responderemos ás súas dúbidas e achegaremos o material informativo que sexa necesario.
Baixo o lema "Implícate en saúde" preséntase este ano un programa de actividades que se realizarán en diferentes puntos de España, para concienciar ás persoas con artrite da importancia de coñecer a súa enfermidade e manter unha vida saudable, así como intentar dar a coñecer á poboación en xeral o que supón convivir con artrite.
O noso afán é mellorar a calidade de vida das persoas con artrite e queremos pedirche que te impliques en saúde, na túa saúde.
É moi importante para as persoas que sufrimos a enfermidade, as nosas familias, amizades ou o noso ámbito en xeral estar informado. O feito de mostrarse pasivo produce malestar e encerra grades dúbidas que tal vez non nos permiten realizar as nosas actividades diarias de forma satisfactoria, por iso nesta campaña pedímosche que participes, que te impliques.
Ofrecémosche coñecer a nosa enfermidade, informar dos tratamentos que existen e trataremos de dar respostas e apoio.

Os actos previstos para este ano son os seguintes: 
 
VII Xornada Nacional de Artrite: onde se creará un encontro e un espazo de coloquio entre pacientes e expertos na materia.
En Santiago de Compostela, esta xornada celebrarase en colaboración coa Asociación de Artrite de Santiago o día 6 de outubro na sala 1 do Hospital Clínico, a partir das 17:00 h.

Mesas informativas en hospitais, centros de saúde e centros de especialidades: onde se poderá encontrar toda a información para coñecer a enfermidade e resolver todas as dúbidas que se teñan.
Como cada ano, tamén a nosa asociación colabora nesta actividade, organizando estas mesas informativas no Hospital Clínico (entrada principal e de consultas externas) e no Hospital Provincial de Conxo (entrada principal), o día 4 de outubro.


31 de agosto de 2011

Novas actividades: Meditación e Chi Kung

Como cada ano, dende a asociación estamos a organizar algunhas actividades, que se desenvolverán no Centro Sociocultural de Fontiñas. Como novidade, este ano comezan as clases de Meditación e Chi Kung.

Ambas actividades están destinadas a mellorar o benestar persoal, e no caso das persoas que padecen algunha doenza, como artrite, pode repercutir de xeito beneficioso.

MEDITACIÓN
·        Horario: Xoves de 10:00 h. a 11:00 h. 
·        Lugar: C.S.C de Fontiñas. 
·        Inscrición a partir do 15/09. Socios/as: chamar á asociación (tlf. 659084950). Non socios/as: contactar co CSC de Fontiñas.
·        Prezo: 30 € / trimestre. Subvencionado para socios da AAS

CHI KUNG

·        Horario: Martes de 10:00 h. a 11:00 h. 
·        Lugar: C.S.C de Fontiñas. 
·        Inscrición a partir do 15/09. Socios/as: chamar á asociación (tlf. 659084950). Non socios/as: contactar co CSC de Fontiñas.
·        Prezo: 30 € / trimestre. Subvencionado para socios da AAS

30 de agosto de 2011

Novas publicacións sobre artrite



Recentemente, a Coordinadora Nacional de Artrite (ConArtritis) presentou o "Estudo de Satisfacción coas Terapias Biolóxicas, dende a visión dos pacientes con Artrite Reumatoide," avalado pola Sociedade Española de Reumatoloxía (SER) e coa colaboración de Roche. O obxecto do estudo foi analizar a satisfacción dos pacientes con Artrite Reumatoide cos tratamentos biolóxicos e coñecer cales son as súas vivencias, expectativas e o grao de participación na toma de decisións sobre o tratamento, entre outros. Segundo o estudo, o tratamento cun fármaco biolóxico supón unha "volta á vida" para estes pacientes, que valoraron cunha nota media de 8 a súa satisfacción xeral con estes fármacos. A maior puntuación obsérvase nos pacientes máis novos ou de recente diagnóstico, que amosan un maior grao de satisfacción.
Na sección “Publicacións” desta web (á marxe esquerda), hai un enlace para poder consultar o estudo completo.

Tamén está xa dispoñible para consultar a publicación “Hablemos de artritis reumatoide”, presentada hai varios meses, editada por Roche coa colaboración de ConArtritis e a SER. Este libro inclúe aspectos esenciais para os pacientes con esta enfermidade como cales son os seus síntomas, o modo de diagnóstico ou os tratamentos dispoñibles. Ademais, tamén recolle unha serie de consellos para que as persoas con Artrite Reumatoide poidan controlar esta doenza, coñezan as terapias complementarias e logren ter unha mellor calidade de vida.

25 de agosto de 2011

Vivir con artrite: consellos (14)


Á hora de conducir...
  • Axustar a distancia entre o asento e o volante. É importante un respaldo firme e recto e a colocación dun pequeno coxín na zona lumbar.
  • Se ten limitación da columna vertebral utilice os espellos retrovisores amplos e accesorios se fose necesario.
  • Non conducir longas distancias sen parar nin facer descansos frecuentes. É importante saír do coche e andar un pouquiño para evitar a tumefacción das articulacións.
Extraído do artigo “Consejos posturales para evitar la sobrecarga articular de la columna”, publicado na “Revista Mira”, nº 3. Autora: Cristina Aymerich Mañas

19 de agosto de 2011

De paciente a paciente en Santiago

O proxecto "De paciente a paciente" edita un newsletter que recolle, no seu último número, a experiencia levada a cabo no Hospital Clínico de Santiago de Compostela, e inclúe unha entrevista a Marisa Balado, presidenta da Asociación que exerce como voluntaria neste proxecto de apoio emocional e acompañamento a pacientes.

Ver newsletter nº 2.
Ver outros newsletter do proxecto.
Máis información sobre o proxecto "De paciente a paciente"

8 de xullo de 2011

Vacacións

Do 15 de xullo a 15 de agosto pechamos por vacacións, polo que non se atenderá na sede da Asociación.


Disfrutade do verán!

11 de xuño de 2011

Fotos da excursión a Portugal e da estancia en Laias

Do 29 de abril ao 1 de maio estivemos visitando o noso país veciño, Portugal, na zona de Fátima. Visitamos lugares como a cidade dos templarios Tomar, Nazaré, a casa dos pastores, a gruta da Moeda...
Tamén recentemente disfrutamos dunha estancia no balneario de Laias Caldaria.
Deixamos unhas fotos que amosan o ben que o pasamos nestes días.

Excursión a Portugal


Estancia en Laias