30 de agosto de 2011

Novas publicacións sobre artrite



Recentemente, a Coordinadora Nacional de Artrite (ConArtritis) presentou o "Estudo de Satisfacción coas Terapias Biolóxicas, dende a visión dos pacientes con Artrite Reumatoide," avalado pola Sociedade Española de Reumatoloxía (SER) e coa colaboración de Roche. O obxecto do estudo foi analizar a satisfacción dos pacientes con Artrite Reumatoide cos tratamentos biolóxicos e coñecer cales son as súas vivencias, expectativas e o grao de participación na toma de decisións sobre o tratamento, entre outros. Segundo o estudo, o tratamento cun fármaco biolóxico supón unha "volta á vida" para estes pacientes, que valoraron cunha nota media de 8 a súa satisfacción xeral con estes fármacos. A maior puntuación obsérvase nos pacientes máis novos ou de recente diagnóstico, que amosan un maior grao de satisfacción.
Na sección “Publicacións” desta web (á marxe esquerda), hai un enlace para poder consultar o estudo completo.

Tamén está xa dispoñible para consultar a publicación “Hablemos de artritis reumatoide”, presentada hai varios meses, editada por Roche coa colaboración de ConArtritis e a SER. Este libro inclúe aspectos esenciais para os pacientes con esta enfermidade como cales son os seus síntomas, o modo de diagnóstico ou os tratamentos dispoñibles. Ademais, tamén recolle unha serie de consellos para que as persoas con Artrite Reumatoide poidan controlar esta doenza, coñezan as terapias complementarias e logren ter unha mellor calidade de vida.

0 comentarios:

Fai un comentario: