8 de xullo de 2011

Vacacións

Do 15 de xullo a 15 de agosto pechamos por vacacións, polo que non se atenderá na sede da Asociación.


Disfrutade do verán!

11 de xuño de 2011

Fotos da excursión a Portugal e da estancia en Laias

Do 29 de abril ao 1 de maio estivemos visitando o noso país veciño, Portugal, na zona de Fátima. Visitamos lugares como a cidade dos templarios Tomar, Nazaré, a casa dos pastores, a gruta da Moeda...
Tamén recentemente disfrutamos dunha estancia no balneario de Laias Caldaria.
Deixamos unhas fotos que amosan o ben que o pasamos nestes días.

Excursión a Portugal


Estancia en Laias

5 de xuño de 2011

Programa Áfora

ConArtritis está a realizar o programa Áfora, de formación a pacientes con enfermidades reumáticas inflamatorias, que está declarado de utilidade para pacientes reumáticos pola Sociedade Española de Reumatoloxía e que ten o patrocinio de MSD Inmunoloxía.

O obxectivo do programa é mellorar o coñecemento e manexo da enfermidade, así como a calidade de vida das persoas que padecen estas patoloxías. A formación está a ser impartida por médicos reumatólogos e consiste nunha charla por patoloxía nas que o especialista informará sobre a enfermidade, os tratamentos actuais e a calidade de vida e na que os pacientes poderán formular dúbidas relacionadas coa enfermidade.

A Asociación de Artrite de Santiago, integrante de Conartritis, está a desenvolver en Santiago este programa educacional. As charlas que se organizan en Santiago son impartidas pola Dra. Eva Pérez Marín, reumatóloga do Hospital Clínico.

A charla sobre Artrite Reumatoide tivo lugar o pasado 1 de xuño, e a de Espondilite Anquilosante será o vindeiro 22 de xuño na Casa das Asociacións ás 18:00 h.

Para máis información, chamar ao teléfono da asociación: 659 084 950

3 de xuño de 2011

A Asociación de Artrite de Santiago na Revista Mira

O número 3 de "Mira", a revista especializada en Artrite da Fundación Abbott, recolle a experiencia da presidenta da Asociación de Artrite de Santiago, Marisa Balado, como paciente de artrite reumatoide dende hai uns 26 anos.


Marisa comparte a súa experiencia persoal, ao tempo que conta cómo xurdiu a Asociación, e o traballo que se fai dende a mesma.

Ver o artigo completo.

1 de xuño de 2011

Libro sobre enfermidades reumáticas

Enmarcado no proxecto Salud y Trabajo, impulsado pola Fundación Abbott e a Fundación Ramón Areces, publicouse este libro, que analiza en profundidade e coa implicación de todos os sectores afectados, as consecuencias laborais e económicas das enfermidades reumáticas en España, co obxectivo de tomar conciencia da situación e tomar as medidas necesarias para permitir que as persoas afectadas por esta doenza poidan seguir tendo unha vida plena e produtiva.


Os resultados recollidos nesta publicación son os presentados ao longo do 2010 en diversos actos ao longo da xeografía española. En Santiago de Compostela tivemos a oportunidade de coñecer estes datos na Xornada sobre as enfermidades reumáticas en Galicia.

Ver publicación

29 de maio de 2011

Vivir con artrite: consellos (13)

O tabaco multiplica por catro o risco de padecer artrite reumatoide
Un estudo realizado en España e dirixido polo doutor Alejandro Balsa sinala que o tabaco multiplica por catro o risco de padecer artrite reumatoide.
Segundo o doutor Balsa, as enfermidades complexas como a artrite reumatoide teñen unha compoñente xenética e unha ambiental, ésta última é ás veces difícil de coñecer, pero no caso da artrite reumatoide o tabaco é o principal factor externo que predispón á enfermidade.
Extraído do artigo “Espondilitis anquilosante y tabaco”, publicado na “Revista Mira”, nº 3. Autora: Mireia Moreno Martínez-Losa

3 de maio de 2011

Saída ao Balneario de Laias Caldaria

Temos prevista unha nova saída ao Balneario Laias Caldaria (Ourense), onde poderemos disfrutar dunha estancia na que disporemos dun programa termal personalizado, animación, sendeirismo, etc.
As datas serán do 5 ao 10 de xuño (de domingo a venres) e inclúe:
  • 5 días - 6 noites.
  • Rexime de pensión completa.
  • Traslados incluídos.
  • Programa termal personalizado segundo criterio médico.
  • Actividade de Aguagym.
  • Programa de animación.
  • Sendeirismo.
Saída dende o Centro Sociocultural de Fontiñas ás 12:15 h. do domingo.

Como vén sendo habitual, a Asociación subvenciona ás persoas asociadas, polo que dependendo das persoas que se apunten pode variar o prezo. Confiamos en que será unha boa oferta.


As datas de inscrición serán do 19 de abril ao 16 de maio, chamando ao teléfono 659084950 (de luns a venres de 10:00 a 13:00 h.) A partir do 16 de maio chamaremos ás persoas apuntadas para informar do prezo definitivo.

Esperamos que vos animedes a vir. Agardámosvos!

Para ir facendo boca, deixamos algunhas imaxes do entorno do balneario, que sacamos nunha ocasión anterior.