11 de abril de 2013

"A tu Ritmo", o boletín de ConArtritis

"A tu Ritmo" é o boletín informativo bimensual da Coordinadora Nacional de Artrite. Con esta publicación, dende ConArtritis pretende informar de todas as novidades, noticias e eventos que xorden en torno á Coordinadora e as súas asociacións membro. O obxectivo desta publicación é facer máis visible o traballo de todas as persoas implicadas en mellorar a calidade de vida das/os pacientes de artrite reumatoide, artrite psoriásica, artrite idiopática xuvenil e espondiloartrite; así como facer máis visible a enfermidade para que a sociedade tome conciencia dos seus efectos.

Podes recibir o boletín "A tu Ritmo" no teu correo electrónico; só tes que cubrir o formulario de subscrición que atoparás no propio boletín.


6 de abril de 2013

Programa "Benestar en balnearios"


A Consellería de Traballo e Benestar convoca para o ano 2013 o Programa “Benestar en Balnearios”, que pretende contribuír ao mantemento da autonomía das persoas maiores, facilitándolles a posibilidade de gozar duns días de tratamento termal, descanso, convivencia, e ocupar o tempo libre dun xeito activo e positivo.

Ofértanse un total de 603 prazas na modalidades de: “Balnearios” (opción “todo incluído”) e a súa adxudicación efectúase nas xefaturas territoriais. Na convocatoria deste ano participan un total de trece balnearios e a duración da estadía é de dez días e nove noites. 

A convocatoria está dirixida a persoas residentes en Galicia de 65 anos ou 60 se é pensionista, que se valgan por si mesmas e non padezan enfermidades infecto-contaxiosas.

O prazo de solicitude é ata o 12 de abrilPara máis información, visitar a web http://traballoebenestar.xunta.es, nas xefaturas territoriais e centros sociocomunitarios de Benestar, nos servizos sociais comunitarios dos concellos, así como no teléfono gratuíto 900 333 666.

Axudas por fillos/as menores de 3 anos

A Consellería de Traballo e Benestar publicou recentemente a orde que regula as axudas a concesión da prestación económica de pagamento único por fillas e fillos menores de tres anos para o ano 2013. As persoas que poidan solicitala, teñen de prazo 40 días naturais, a contar dende o seguinte á da publicación da orde (publicada no DOG do 1 de abril)

Ver texto da orde

3 de abril de 2013

Estancia no Balneario Laias Caldaria

Moi pronto poderemos disfrutar de novo dunha visita ao Balneario de Laias Caldaria. 
Será do 5 ao 10 de maio (de domingo a venres)

Alí disporemos de: 

  • Pensión en réxime de pensión completa (almorzo, xantar e cea)
  • 6 días (cinco noites)
  • Traslado incluído (ida e volta)
  • Asistencia médica.
  • Programa termal individualizado.
  • Actividade de Aguagym.
  • Programa de animación.
  • Sendeirismo. 


A saída farase o domingo 5 de maio dende o Centro Sociocultural de Fontiñas (Santiago) ás 12:00 h.

Esperamos que esta actividade sexa do voso agrado e vos animedes a pasar estes días connosco.

Para informarvos dos prezos podedes chamar ao teléfono 659 084 950 (de luns a venres de 10:00 a 13:00 h.)

Inscricións ata o 22 de abril nese mesmo teléfono.

Para ir abrindo boca, ensinámosvos algunhas fotos de visitas anteriores.


2 de abril de 2013

Obradoiro de Técnicas de apoio psicolóxico en enfermidade reumatolóxica


Escola Galegade Saúde para Cidadáns do Sergas organiza, a proposta da Asociación de Artrite de Santiago e coa súa colaboración, un novo obradoiro gratuíto dirixido a pacientes con enfermidade reumatolóxica, familiares e poboación en xeral e centrado esta vez en técnicas de apoio psicolóxico.

 TÉCNICAS DE APOIO PSICOLÓXICO EN ENFERMIDADE REUMATOLÓXICA

Enma Mayo será a psicóloga encargada de impartir este obradoiro, co que se pretende mellorar a información e comprensión da enfermidade por parte dos pacientes, familiares, e cidadanía en xeral; proporcionar aos coidadores, familiares e pacientes as habilidades e coñecementos necesarios para mellorar a calidade de vida no ámbito familiar, e fomentar a autonomía de todos os membros da familia.

No obradoiro traballarase sobre os seguintes temas:
  • Definición e clasificación.
  • Síntomas.
  • Evolución e tratamento.
  • Pautas de apoio emocional en síntomas psicolóxicos.
  • Autocoidados e coidado do coidador.
LugarHospital Clínico Universitario de Santiago, Aula 4D. Bloque D. Piso 1º.
Data10 de abril de 2013 de 17:00 a 20:00

26 de marzo de 2013

Participa na enquisa para pacientes con AR

Se padeces artrite reumatoide, convidámoste a participar no proxecto "Trazando o futuro en Artrite Reumatoide", que está a recoller datos a través dunha enquisa realizada por ConArtritis.

O cuestionario diríxese aos pacientes con artrite reumatoide coa finalidade de coñecer as inquietudes e os aspectos que lles preocupan ante o novo escenario económico e sanitario no que hoxe nos encontramos.

Esta enquisa forma parte do proxecto “Trazando o futuro en Artrite Reumatoide”, que ten como obxectivo trasladar ás autoridades sanitarias e poderes públicos os puntos clave, e imprescindibles, a ter en conta para mellorar as vidas das persoas con artrite reumatoide, e das súas familias. Por iso, a túa participación É MOI IMPORTANTE.

Enlace á enquisa (só che levará 5 min.)

23 de marzo de 2013

Exposición do I Certame fotográfico sobre enfermidades reumáticas


Durante estes días en Santiago pode visitarse a exposición das fotografías finalistas do "I Certame Fotográfico sobre Enfermidades Reumáticas". 

Como xa explicamos o ano pasado, este certame é unha iniciativa que naceu co obxectivo de concienciar á sociedade sobre o impacto que supoñen estas patoloxías e a importancia do diagnóstico precoz.

  • Onde: Hall e Salón de Actos da biblioteca pública Anxel Casal (Avda. de Xoán XXIII s/n)
  • Cando: Ata o 26 de marzo.Pódese visitar durante o horario de apertura da mesma (luns a venres: de 8:30 a 21:00 h. Sábados: 10:00 a 14:00 h) 

 

Presentación da exposición

Presentación da exposición
O mércores 20 de marzo tivo lugar o acto de presentación da exposición, que se celebrou tras unha convocatoria de prensa na que se espuxeron os resultados dun estudo pioneiro realizado entre máis de 600 pacientes con enfermedades reumáticas. 
Neste almorzo informativo participaron Ana Vázquez (presidenta da Liga Reumatolóxica galega), o Dr. Jenaro Graña (reumatólogo do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña), e Marisa Balado (presidenta da Asociación de Artrite de Santiago de Vicepresidenta de ConArtritis)


Estudio sobre enfermidades reumáticas.

No marco da presentación da exposición, déronse a coñecer os resultados dun estudio realizado co obxectivo de coñecer en profundidade o impacto psicolóxico, laboral e personal que teñen as enfermidades reumáticas, que revelou os seguintes datos referentes á comunidade galega. Ver os resultados do estudo.

II Certame de fotografías sobre enfermidades reumáticas.

O certame de fotografías ten continuidade asegurada, pois xa se abriu a súa II convocatoria, na que poden participar profesionais sanitarios, pacientes ou público en xeral. Tes aqtoda a información.