18 de novembro de 2012

Excursión a Lugo e Begonte, e xantar de Nadal

Xa estamos preparando a próxima actividade da Asociación, que será unha excursión de un día.
Sairemos dende Santiago con destino á cidade de Lugo, famosa polas súas murallas que datan da época romana. Nesta cidade visitarase o museo Provincial, a catedral de estilo románico do século XII, así como as súas prazas: Santa María, a Praza do Campo e a Praza Maior presidida polo concello. Destaca tamén as súas rúas comerciais: Rua da Raíña e a Praza de Santo Domingo.
Despois dun tempo libre, faremos o xantar de confraternidade de Nadal.
Pola tarde iremos a Begonte para visitar o seu famoso Belén articulado, un dos mellores beléns que hai non só en Galicia senón no noso país.

Regresaremos a Santiago con chegada aproximada ás 21:00 h.

Belén de Begonte

Data: Sábado 15 de decembro.

Muralla de Lugo
Información sobre prezos e reservas: Tlf. 659 084 950

As persoas socias da Asociación de Artrite de Santiago, beneficiaranse dun importante desconto
no prezo desta actividade.

 
O PREZO INCLÚE:


  • Autocar dende Santiago
  • Xantar
  • Seguro de viaxe
  • Guía técnico acompañante

Acompáñanos!

6 de novembro de 2012

Así foi a VIII Xornada Nacional de Artrite

Para celebrar o Día Nacional da Artrite, e baixo o lema "Nuestra marcha continúa", ConArtritis organizou actividades a desenvolver en diferentes puntos de España.

Santiago de Compostela, a través da Asociación de Artrite de Santiago, acolleu dous actos desta xornada, que tiveron lugar o día 1 de outubro. Foron dúas mesas informativas e a celebración da Xornada, tal como anunciamos no seu día.
A xornada espertou gran interese, e acudiron máis dun centenar de persoas. 
Algunhas fotos dos actos: 

XORNADA NACIONAL DE ARTRITE


MESAS INFORMATIVAS

8 de outubro de 2012

En novembro, volvemos ó baneario

Do día 4 ao 9 de novembro (de domingo a venres) iremos ao balenario de Laias Caldaria. Disporemos de:
  • Pensión completa (almozo, xantar e cea)
  • 6 días (5 noites)
  • Traslado incluído (ida e volta)
  • Asistencia médica
  • Programa terman individualizado
  • Programa de animación
  • Actividade de aguagym
  • Sendeirismo

Saída o 4 de novembro dende o Centro Sociocultural de Fontiñas (Santiago) ás 12:15 h.

A asociación subvenciona parte do custe da estancia, polo que o prezo pode variar dependendo do número de persoas que asistan.

Inscrición ata o 23 de outubro no teléfono da asociación (659084950). Despois desta data, informarase do prezo definitivo.

Deixamos unhas fotos de ocasións anteriores:

7 de outubro de 2012

Gran éxito do obradoiro Lograr un obxectivo

A campaña 'LOGRAR un Obxectivo', que se está levando cabo por diferentes localidades españolas, ten como finalidade proporcionar aos pacientes con artrite reumatoide ferramentas para alcanzar un mellor manexo da enfermidade. Desta forma, preténdese fomentar a participación activa dos pacientes axudándolles a definir os seus propios obxectivos persoais e do tratamento a curto e a longo prazo. Para iso, desenvolveuse un programa de exercicios e varios materiais para informar, aconsellar e dar pautas que axuden ao paciente e ao seu ámbito máis próximo, tanto persoal coma laboral, a mellorar a súa calidade de vida.


O primeiro obradoiro práctico para pacientes con Artrite Reumatoide da campaña "LOGRAR un obxectivo" celebrouse con grande éxito en Santiago de Compostela o pasado 19 de xullo. O obradoiro, que foi organizado pola Asociación de Artrite de Santiago, realizouse no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS).

Preto de 50 asistentes puideron resolver as súas dúbidas sobre a enfermidade grazas á charla informativa que impartiu a Dra. Eva Salgado, reumatóloga do CHUS. Ademais, participaron nunha sesión práctica que impartiu o fisioterapeuta D. Javier Martínez, onde puideron aprender os exercicios necesarios para mellorar a súa calidade de vida.


Un dos cadernos de exercicios empregados durante esta campaña, centrado en camiñar de forma saudable, pode descargarse dende a web de Conartritis

Ver caderno.



Deixamos unhas fotos do obradoiro celebrado en Santiago.

28 de setembro de 2012

Enquisa a pacientes de enfermidades músculo-esqueléticas

¿Diagnosticáronche unha enfermidade que afecta aos músculos, ósos ou articulacións (por exemplo artrite ou dor de espalda)?

Se a resposta é si, e tes máis de 18 anos, gustaríanos escoitar as túas experiencias vivindo coa enfermidade, o tratamento e os seus beneficios, a xestión do teu traballo e a problemática de encontrar traballo e saír del.


Podes trasladar esta información a través dunha enquisa realizada por Work Foundation e Fit for Work Europe, unha importante iniciativa europea que pretende axudar a quen padecen enfermidades musculo-esqueléticas para que poidan desempeñar un papel activo no traballo. 

Os resultados deste estudio poñeranse a disposición de profesionais médicos e sociosanitarios, Asociacións de Pacientes, gobernos e a Comisión Europea, co obxectivo de que as conclusións da enquisa contribúan a aumentar as axudas que reciben as persoas con enfermidades músculo-esqueléticas para que poidan seguir traballando ou volver ao seu emprego.

É importante conseguir a participación de moitas persoas, pois cantas máis contesten á enquisa máis consistentes serán os resultados e máis acertadas as conclusións. Por iso, animámoste a que mandes as túas respostas a través do cuestionario (non che levará máis de 15 minutos, dependendo das respostas que deas)


19 de setembro de 2012

Día Nacional da Artrite. A nosa marcha continúa

http://www.conartritis.org/wp-content/uploads/2012/09/cartel2012.jpgBaixo o lema “NUESTRA MARCHA CONTINÚA” e para celebrar o Día Nacional de Artrite (1 de outubro), a Coordinadora Nacional de Artritis, ConArtritis presenta un programa de actividades que se realizarán en diferentes puntos de España, para concienciar ás persoas con artrite da importancia de coñecer a súa enfermidade e manter unha vida saudable, así como intentar dar a coñecer á poboación en xeral o que supón convivir coa Artrite.

Como cada ano, as asociacións de pacientes que integran ConArtritis serán as encargadas de organizar as actividades da xornada nas súas respectivas localidades.

A Asociación de Artrite de Santiago levará a cabo os seguintes actos:


VIII Xornada Nacional de Artrite

Un encontro e un espazo de coloquio entre pacientes e expertos na materia.
  • Onde: Hospital Clínico de Santiago. Sala nº 1.
  • Cando: 1 de outubro. De 17:30 a 19:30 h.

Mesas informativas en hospitais

Onde se poderá encontrar toda a información para coñecer a enfermidade e resolver todas as dúbidas que se teñan.
  • Onde: Na entrada principal e consultas externas do Hospital Clínico de Santiago, e na entrada principal do Hospital Provincial de Conxo. 
  • Cando: 1 de outubro. Pola mañá.