16 de marzo de 2012

I Certame de fotografías sobre enfermidades reumáticas

Varias entidades asociativas relacionadas coas enfermidades reumáticas uníronse para organizar este certame que premiará con 1.200 euros as mellores fotografías, en tres categorías diferentes: público xeral, persoal médico e pacientes. Ademais, haberá un premio especial consistente nunha cámara reflex, que se concederá á imaxe elexida mediante votación popular na web do certame.
O tema das fotografías deberá reflexar o impacto individual (físico e emocional) e social (familiar e colectivo) das enfermidades reumáticas, abordándoo de maneira positiva.
Pode participar calquera persoa, tanto aficionadas como profesionais da fotografía.  
Tes ata o 30 de maio para enviar as túas fotografías. ANÍMATE E PARTICIPA!

14 de marzo de 2012

Axudas para aluguer de vivenda

No DOG do 14 de marzo publicouse unha convocatoria de axudas dirixidas ás persoas titulares das vivendas arrendadas no marco do Programa Aluga durante o ano 2012.
Establece dúas modalidades de subvención dirixidas aos titulares das vivendas arrendadas no marco do citado programa: para o financiamento parcial das obras e reformas, e para gastos derivados do aluguer.
O prazo finaliza o 30 de abril.
As solicitudes non atendidas no exercicio 2011 por falta de orzamento, pódense presentar agora no prazo de un mes.

10 de marzo de 2012

Novo número da revista Mira


A revista Mira é unha iniciativa de comunicación promovida pola Fundación Abbott co propósito de estender e afondar nas relacións médico-paciente no terreo das enfermidades reumáticas.

Esta publicación reune valiosa información e consellos por parte de profesionais da reumatoloxía, enfermeiría, psicoloxía e outros. Tampouco esquece a propia voz do paciente, xa que en cada número recollen testemuños de persoas que padecen enfermedades reumáticas. A presidenta da Asociación de Artrite de Santiago tivo xa ocasión de contar a súa experiencia a través das páxinas desta publicación, no seu nº 3.

Recentemente publicouse o o quinto número desta revista, que presenta ademais unha novidade moi importante para chegar a máis persoas. Agora, a revista publícase tamén on-line.

Os contidos máis relevantes deste número son os seguintes:
  • En portada: Anabel Coco, gañadora do Certame de Relatos sobre Enfermidade Crónica.
  • A importancia do papel do paciente no seguimento da enfermidade. Recóllense varios artigos de Eulalia Alcaide (secretaria de ConArtritis e membro de AMAPAR), Antonio Torralba (presidente de ConArtritis) e Patricia Planas (Coordinadora Xeral da Lliga Reumatológica Catalana).
  • Relevancia do paciente informado: artigo da Dra. en psicoloxía Leticia León (da Facultade Ciencias da Saúde da Universidade Camilo José Cela).
  • Que espera o reumatólogo do paciente? O Dr. Alberto Alonso ofrece a resposta a esta cuestión.
  • Uveíte. Un completo artigo do Dr. Ricardo Blanco aborda a sintomatoloxía e control desta enfermidade.
  • E ademais: información sobre o II Premio José Román, que outorga anualmente a asociación ACEADE.
Este número da revista, e tamén os anteriores, podes descargalos nesta páxina: http://www.reumatologiasalud.es/revista-mira_prehome.php

8 de marzo de 2012

Fotos da excursión a Lalín e Agolada

O pasado 3 de marzo reunímonos para pasar un día entre amigos, paseando, charlando, intercambiando experiencias e disfrutando de momentos agradables.
Na visita a Agolada "corazón da Galicia verde", fixemos algo de turismo, visitando os seus característicos pendellos, mostra da arquitectura popular da zona, que lle dan ao entorno unha singular beleza.


Xa en Lalín degustamos o tradicional cocido galego. A sobremesa animouse coa música do acordeón da nosa amiga e socia Isolina. E xa despois do xantar, tivemos tempo para dar unha voltiña por Lalín, antes da volta á casa.

Aquí deixamos unhas fotos dese día.




28 de febreiro de 2012

Axudas por fillas/os menores de tres anos

A Consellería de Traballo e Benestar publicou recentemente a orde que regula as axudas a concesión da prestación económica de pagamento único por fillas e fillos menores de tres anos para o ano 2012. 
Trátase dunha axuda de 360 euros por cada fillo menor de tres anos (nacidos entre o 02/01/09 e o 01/01/12 inclusive).
O prazo de presentación de solicitudes remata o día 26 de marzo.

Ver texto da orde

12 de febreiro de 2012

O Antroido xa está aquí...

Ilustración: Laura Prado
...e ímolo celebrar!

Pretendemos ter un xantar para todos os socios, familiares e amigos co ánimo de pasar un día en compañía, para dialogar, pasear, intercambiar experiencias e sobre todo que sexa o más entretido e agradable posible.

Pola mañá, visitaremos Agolada "O Corazón de Galicia", onde poderemos pasear e facer un pouco de turismo pola vila. Despois dirixirémonos a Lalín, onde degustaremos o tradicional cocido galego. Xa despois do xantar, teremos tempo para facer unha visita libre en Lalín.

Será o día 3 de marzo (sábado). Sairemos en autocar ás 11:00 dende o Centro Sociocultural de Fontiñas (Rúa Berlín, 13, en Santiago)

Calquera que queira apuntarse pode facelo chamando ao teléfono da asociación: 659084950 (de 10:00 a 13:00 de luns a venres). A data límite para anotarse é ata o día 27.

Esperamos que vos guste a iniciativa e que poidades compartir connosco este día.

10 de febreiro de 2012

Vivir con artrite: consellos (23)


Mantén unha actitude positiva

Unha actitude positiva, incluso ante as adversidades, axudarache a ter mellores habilidades físicas e mentais.
Se a túa artrite che está afectando emocionalmente, cóntallo ao psicólogo. Poderá darche algunhas pautas para un mellor control das túas emocións e sentimentos.
Busca apoio nas asociacións de pacientes; poderás contactar con outras persoas que te entenden e poden apoiarte.

Extraído de “Puntos de encuentro en Artritis Reumatoide. Guía para el paciente”.