Servizos



Información, orientación e apoio

    Unha das funcións fundamentais da Delegación ConArtritis-Santiago é a de facilitar información e orientación sobre a enfermidade e o seu impacto na vida familiar, laboral, social…, e sobre como adaptarse á enfermidade para que a calidade de vida non se vexa afectada. Complementariamente á información e orientación que poden ofrecer os profesionais sanitarios, dende ConArtritis-Santiago podemos aconsellar sobre aspectos prácticos para aplicar na vida cotiá. En determinados momentos é moi importante prestar ás pacientes de artrite un apoio non só informativo, senón tamén emocional, pois as persoas que integramos a asociación podemos comprender mellor que ninguén as situacións e padecementos derivados desta doenza, pola nosa propia experiencia persoal. Concibimos a ConArtritis-Santiago polo tanto, como un espazo de encontro entre pacientes, no que compartir experiencias, vivencias, coñecementos, e poder aprender da experiencia propia e dos demais.

Sensibilización e divulgación
    A artrite é unha enfermidade dexenerativa que produce dor crónica e que pode ter un impacto moi importante na calidade de vida de quen a padece. A través de charlas, mesas informativas, contacto cos medios de comunicación, etc., pretendemos a sensibilización e divulgación cunha dobre perspectiva:
    - Cara a sociedade. Consideramos necesario concienciar sobre esta doenza, pois a pesar de que “artrite” é un termo que todo o mundo escoitou algunha vez, e sobre o que se teñen certas ideas preconcibidas, trátase dunha doenza da que existen prexuízos erróneos e que resulta aínda bastante descoñecida pola sociedade.
    - Cara as persoas que padecen artrite, e as súas familias. Para coñecer aspectos concretos sobre a enfermidade: estudos, axudas técnicas, tratamentos, etc.

Actividades socioculturais e de saúde
    Organizamos actividades de lecer saudable, como excursións culturais, estancias en balnearios, actividades físicas... Estes encontros, nos que compartimos momentos de esparcemento e diversión, serven ademais para establecer vínculos entre as persoas afectadas de artrite.

Servizo xurídico
    Contamos cunha avogada que presta asesoramento xurídico acerca de cuestións relacionadas coa enfermidade.

Descontos e promocións
    ConArtritis-Santiago ten acordos e convenios con servizos de fisioterapia, psicoloxía,  etc.