26 de decembro de 2013

"De paciente a paciente" volve en xaneiro

No ano 2010 a Asociación de Artrite de Santiago implicábase no proxecto "De paciente a paciente", impulsado por ConArtritis co apoio de Roche Farma.

Trátase de apoiar ao persoal sanitario dos Hospitais de Día, ofrecendo apoio emocional aos pacientes durante as horas de tratamento, así como consellos, recomendacións...

Os encontros teñen lugar nos propios Hospitais de Día e son desenvolvidos por persoas voluntarias pacientes de artrite, que polo tanto comprenden perfectamente as dificultades e emocións que leva consigo o padecemento desta doenza, e poden aportar a súa experiencia e información útil.

A partir de xaneiro volve este proxecto ao Hospital Clínico de Santiago, da man da AAS. Será os xoves a partir das 10:30 h. no despacho 038.


20 de decembro de 2013

Dende a Asociación de Artrite de Santiago queremos transmitirvos unha mensaxe de alegría nestas datas tan sinaladas, e desexarvos un 2014 cheo de bos momentos.
Para a asociación, o novo ano preséntase cargado de novos retos que afrontamos con ilusión, e que esperamos compartir con todas e todos vós.




18 de decembro de 2013

A participación en ensaios clínicos: vivencia dunha paciente de artrite

Participación na III Xornada de Portas Abertas sobre Investigación
Clínica de Lilly. Fotografía de Asociación de Diabéticos de Madrid.
Teresa Conde, vogal da Asociación de Artrite de Santiago, e cun diagnóstico de artrite reumatoide dende hai 12 anos, compartiu recentemente a súa experiencia persoal sobre a participación en estudos clínicos.

A primeira ocasión foi no marco da III Xornada de Portas Abertas sobre Investigación Clínica de Lilly, que tivo lugar en Madrid o día 22 de novembro.
E o pasado 13 de decembro, fixéronlle unha entrevista en Radio Obradoiro.

En ambas ocasións, contou en primeira persoa como viviu a súa implicación en dous estudos clínicos. Ttransmitiu unha mensaxe optimista, animando a perder o medo, pois estes estudos poden ser unha oportunidade para acceder a tratamentos que melloren a nosa calidade de vida.

Outro momento da participación na xornada.
Noticias relacionadas:
Radio Obradoiro, 13/12/13 (pode escoitarse a entrevista)
III Xornada de portas abertas sobre investigación clínica de Lilly (pode verse o vídeo da participación na xornada. Participación de Teresa a partir do minuto 3:10)





16 de decembro de 2013

"O Experto Responde" é unha iniciativa organizada pola Escola Galega de Saúde para Cidadáns, do Sergas, na que persoas expertas rresponden a preguntas sobre determinadas doenzas, que calquera persoa pode formular a través da web.
O pasado 21 de outubro, con motivo do Día Mundial contra a Dor, a Asociación de Artrite de Santiago colaborou nesta actividade coa presenza de Marisa Balado como experta. Acompañouna nesta tarefa o Dr. Alejandro Souto Vilas, especialista en reumatoloxía.
Agora xa poden consultarse as preguntas e respostas que se trataron ese día:

Experto responde: histórico



11 de decembro de 2013

Actividades de Tai Chi e Chi Kung en Santiago, da man da Asociación de Artrite

Todos buscamos o benestar. Buscamos mellorar ou manter o noso estado de saúde física, emocional e mental.
A práctica regular do Tai Chi Tradicional, Chi Kung e Meditación axudarannos a alcanzar  e manter ese estado de equilibrio e plenitude globlal que tanto anhelamos. 



2 de decembro de 2013

Trazando o futuro en Artrite Reumatoide. Resultados do estudo

En marzo deste ano animábamos a participar no proxecto "Trazando o futuro en Artrite Reumatoide", cubrindo un cuestionario facilitado por ConArtritis, e que tiña como obxectivo recoller datos para coñecer as inquietudes e os aspectos que preocupan ás persoas afectadas pola artrite reumatoide ante o escenario económico e sanitario no que hoxe nos encontramos.

 

ConArtritis vén de presentar recentemente o documento no que se recolle e analiza a información extraída desa enquisa.

Con esta publicación queren facerse máis visibles as preocupacións dos pacientes, e ofrecer algunhas propostas para mellorar estes aspectos.

Como datos máis destacables, sinálase que o  95% dos pacientes con artrite reumatoide asegura que a enfermidade afecta moito ou bastante á súa vida laboral. Un 93% das pesoas enquisadas considera, ademais, que a artrite reumatoide carece de presenza na axenda política: para que o impacto sexa recoñecido entre a poboación e os axentes sociais, ha de situarse ao mesmo nivel que outras enfermidades crónicas. O 84% considera tamén que os axustes están a afectar a abordaxe da enfermidade e ata un 78% sinala, en concreto, dificultades no acceso aos tratamentos.