30 de maio de 2012

"Puntos de encuentro"

"Mejorando vidas a través de la información" é o lema do programa "Puntos de encuentro". 

Trátase dun proxecto divulgativo dirixido a pacientes, promovido pola compañía Whyeth, hoxe fusionada con Pfizer.

Este portal dedicado a enfermidades reumáticas, apórtanos información acerca da artrite reumatoide, artrite idiopática xuvenil, artrite psoriásica, psoriase e espondilite anquilosante. Centrándose en cada unha destas doenzas dan resposta a cuestións moi interesantes, que van dende a definición da enfermidade e a descrición dos síntomas ata recomendacións, diagnóstico, tratamentos, e preguntas frecuentes.

23 de maio de 2012

Aula de Artritis Reumatoide


A Universidade dos Pacientes é unha universidade específica e monográfica dedicada a pacientes, familiares, persoas coidadoras, voluntarias e cidadanía en xeral, con interese en temas de saúde e sanidade. Ten como obxectivo xeral a promoción da modernización e a mellora da calidade da atención sanitaria mediante o desenvolvemento de actividades de información, formación e investigación. 

Coa colaboración de Roche, xestiona a Aula de Artritis Reumatoide.
Trátase dun portal específicamente dirixido a pacientes, onde se agrupan por temáticas numerosos enlaces con información de interese, desde qué é e cales son os seus signos e síntomas, a cómo mellorar a calidade de vida e afrontar os retos que leva consigo padecer esta doenza.




16 de maio de 2012

Vivir con artrite: consellos (25)


O apoio familiar.
En todas as doenzas crónicas, o apoio dos teus seres queridos axuda a soportar a enfermidade. Se contas con ámbito familiar e de amigos, sen dúbida constitúen un valioso apoio.

Extraído de www.reumatologiasalud.es (Fundación Abbott)

9 de maio de 2012

www.rochereumatologia.es

Roche é un laboratorio farmacéutico que traballa para a prevención, identificación, diagnóstico, tratamento, avaliación e monitorización de enfermidades.

Desta compañía destaca tamén o seu labor divulgativo tanto entre profesionais como entre pacientes.

Exemplo disto, no tocante á reumatoloxía, é o portal www.rochereumatologia.es, que aporta nun primeiro plano información xenérica, dividíndose despois en dúas áreas que afondan en contidos de interese, unha área para profesionais da saúde e outra para pacientes de artrite reumatoide.

Na área de pacientes podemos atopar información para coñecer os seus signos e síntomas, o diagnóstico da enfermidade, consellos prácticos para sobrelevar o día a día, publicacións, os últimos avances no campo da reumatoloxía, e acceder a outros sitios de interese. Un recurso que pode resultar moi útil desta páxina é a sección "Un reumatólogo responde", a través da cal calquera persoa pode facer unha consulta que será respostada polo Dr. Luis Carreño, xefe de reumatoloxía do Hospital General Universitario Gregorio Marañón de Madrid.

5 de maio de 2012

www.reumatologiasalud.es

Fundación Abott naceu co obxectivo de contribuír á mellora da saúde da poboación a través da posta en marcha de distintas iniciativas encamiñadas a atender as necesidades do sistema sanitario español, dos seus profesionais e da sociedade en xeral. Dende o 2003 leva promovido diversas iniciativas de investigación, formación e divulgación sociosanitaria. E moitas delas, centradas nas enfermidades reumatolóxicas, como a campaña "Mujer y artritis rematoide: el valor de una vida", a revista "Mira" ou o proxecto "Salud & Trabajo", por exemplo.
Un recurso moi valioso para pacientes, en relación coa artrite, é o portal www.reumatologiasalud.es, onde se recolle información moi diversa sobre as enfermidades reumáticas. Nela poden descargarse guías da enfermidade (dirixidas a pacientes) e outras publicacións interesantes, consultar as asociacións de pacientes existentes en España, ver consellos dos profesionais e experiencias de pacientes... 
Sen dúbida, un recurso moi recomendable para a orientación e información das persoas que padecemos algunha enfermidade reumatolóxica.

2 de maio de 2012

XVI Programa de vacacións para persoas con discapacidade de Cogami















A Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI) ten aberto o prazo de inscrición para participar no XVI PROGRAMA DE VACACIÓNS PARA PERSOAS CON DISCAPACIDADE, que subvenciona a Consellería de Traballo e Benestar da Xunta De Galicia.

DATAS
  • Quenda primeira: dende o 2 (domingo) ata o 8 de setembro (sábado)
  • Quenda segunda: dende o 9 (domingo) ata o 15 de setembro (sábado)
LUGAR
  • Residencia de Colonias e Convivencias AIXIÑA, (Vigo, 51º, 2ª escaleira -Edificio Pirsamar- en Sanxenxo, Pontevedra)
REQUISITOS
  • Ter entre 25 e 60 anos
  • Ser galega/o ou residente en Galicia.
  • Posuír unha discapacidade acreditada.
  • Cumprimentar debidamente a documentación.
IMPORTE
  • O prezo de aplicación para participar neste Programa de Vacacións será de 80 euros para cada participante, incluíndo este concepto aloxamento e manutención.
  • As persoas participantes contarán co apoio de monitroes/as e coidadores/as polo que non poden levar acompañantes.
DOCUMENTACIÓN
  • Solicitude e ficha da persoa participante (facilitaránvola en COGAMI)
  • Copia do Certificado de discapacidade.
  • Copia dun xustificante dos ingresos da persoa participante.
  • Unha vez recibido o escrito de adxudicación da praza concedida, terase que enviar resgardo do ingreso na conta corrente que se lle indique, figurando o nome da persoa no mesmo.
ADXUDICACIÓN
  • Terán preferencia as persoas solicitantes que non participaran en anteriores programas de lecer e que estean vivindo habitualmente en centros asistenciais.
SOLICITUDES E PRAZO
  • Os impresos de solicitude deberán ser remitidos a COGAMI, na Rúa Modesto Brocos, 7, 3º bolque, baixos CP 15704, Santiago de Compostela, A/A Ángela Labandeira) e a data límite para a recepción de inscricións será o venres 29 de xuño.
  • Tan pronto como se lle comunique ás persoas seleccionadas que están admitidas como participantes no Programa de Vacacións, deberán de facer efectivo o pago dos 80 euros para que a praza adxudicada quede reservada. A continuación, o xustificante de pago remitirase por Fax ó seguinte número: 981574670. Se non fora asi, non se fará a reserva de dita praza. Prazo máximo 7 días.
  • As persoas solicitantes poden escoller a quenda que máis lles interese, opción que se respetará na medida do posible. No caso de non fora posible respectar esta opción, distribuiranse as persoas participantes na quenda que se crea máis conveniente.
COMUNICACIÓN
  • Ás persoas seleccionadas comunicaráselles de forma individual a súa participación no programa.
CONTACTO
Para calquera dúbida e para solicitar os documentos de solicitude e ficha de solicitante, chamar ó teléfono 981574698, onde Ángela Labandeira vos informará adecuadamente.