ConArtritis únese a todo o movemento asociativo da discapacidade para captar firmas e impulsar unha Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) que modifique a Lei de Autonomía Persoal.
A Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) pretende unha reforma da Lei de Autonomía Persoal e Dependencia, que permita establecer uns criterios máis claros, xustos e iguais en relación coa capacidade económica e a participación no custo das prestacións por parte das persoas beneficiarias.
Esta iniciativa foi posta en marcha polo Comité Español de Representantes de Persoas con Minusvalidez (CERMI), que baixo o lema "Afirma tus derechos, firma contra el copago confiscatorio", pretende a consecución das 500.000 firmas necesarias para que prospere a Iniciativa Lexislativa Popular e a modificación do copagamento chegue ao Congreso dos Deputados para a súa posible admisión e debate.
A proposta do sector pide modificar o artigo 14 da vixente lei para precisar que será tamén obxecto de normativa regulamentaria estatal a regulación da participación no custo das prestacións, así como o artigo 33, de modo que se incorporen garantías para as persoas beneficiarias que modulen o seu esforzo de participación no custo das prestacións que reciben.
0 comentarios:
Fai un comentario: