18 de abril de 2012

Vivir con artrite: consellos (24)


Podo traballar tendo artrite reumatoide?

Por suposto que pode traballar. Unicamente debe evitar estar moito tempo de pé e realizar movementos repetitivos, sobre todo coas mans.

Extraído de “Calendario 2010: Consejos para la artritis reumatoide”, editado por Abbott e Elsevier Doyma e elaborado polo Dr. Rafael Goya Moscoso a partir das publicacións: Artritis reumatoide: Guía de la enfermedad para el paciente; ¿Qué es la artritis reumatoide?, e La dieta y las enfermedades reumáticas, editados pola Sociedad Española de Reumatoloxía

11 de abril de 2012

www.conartritis.org

Moitas veces temos mencionado neste blog a Coordinadora Nacional de Artritis (ConArtritis), pero nunca nos tiñamos parado a afondar en qué é e cómo traballa esta entidade. 

ConArtritis representa ás persoas afectadas por Artrite Reumatoide, Artrite Psoriásica e Artrite Idiopática Xuvenil e integra as diversas asociacións de pacientes en todo o territorio nacional, potenciando as accións destas, coa intención de facer que a artrite sexa unha enfermidade recoñecible e coñecida tanto polos propios afectados e os seus familiares como polos profesionais da saúde, pola opinión pública e polas diversas administracións. ConArtritis, ademais, promove e coordina accións conxuntas entre as asociacións, co fin de aunar recursos e esforzos que permitan realizar accións de maior peso, e convértese no órgano de difusión das ideas, necesidades e opinións dos pacientes con artrite.
 
A nosa asociación comparte os obxectivos de ConArtritis, e por iso é unha das asociacións que a integran xa dende os nosos inicios, formando parte ademais da súa xunta directiva.

Dende a súa fundación, no ano 2004, ConArtritis converteuse nun referente a nivel estatal no ámbito desta doenza, o que queda constatado coa súa presencia en innumerables actos, colaboración en publicacións, xornadas, etc.

Aínda que son moitos os proxectos e colaboracións desenvolvidos neste tempo, destacaremos aquí pola súa relevancia e impacto a organización anual da campaña "Outubro, mes da artrite", dentro da cal se enmarcan as "Xornadas Nacionais de Artrite".

Máis información na súa web www.conartritis.org

4 de abril de 2012

Convenio coa psicóloga Cristina Veira

Cristina Veira Ramos é psicóloga colexiada, especialista en psicoloxía clínica con máis de catro anos de experiencia en práctica clínica. Desenvolve a súa actividade profesional no Centro Médico Sanitalia (Av. Liberdade, 11) de Santiago.

Recentemente, a Asociación de Artrite de Santiago e Cristina Veira asinamos un convenio polo cal as socias e socios, así como os familiares en primeiro grao, podemos beneficiarnos dun desconto do 30% por sesión de psicoterapia individual, familiar ou de parella. A condición de asociado/a ou familiar debe ser confirmada pola Asociación antes de acceder ó servizo. O desconto non se aplicará aos servizos de avaliación diagnóstica e informe clínico.

O impacto físico e social dunha enfermidade crónica inflúe sen dúbida na calidade de vida das persoas, e polo tanto, no seu benestar psicolóxico. Todas as persoas, e especialmente as que padecemos unha enfermidade crónica como a artrite, debemos coidar tanto a nosa saúde física como a emocional, mantendo sempre unha actitude positiva e coidando as nosas relacións sociais, familiares e de parella. Por iso, confiamos en que este convenio resultará de utilidade para aquelas persoas que necesiten apoio deste tipo.

28 de marzo de 2012

Convenio co Centro de Día Atendo de Santiago

Atendo Calidade S.L. é unha entidade de servizos especializados no ámbito sociosanitario baseada na calidade profesional; que conscientes das necesidades das familias e coidadores, e preocupados pola calidade de vida das persoas maiores oferta unha serie de recursos como, Centro de Día, Axudas Técnicas, Servizo de Axuda no Fogar,  Formación e todos aqueles que fagan que o maior permaneza no seu entorno.

Nos seus centros de día realizan actividades de estimulación que combinan as novas tecnoloxías cos métodos tradicionais e cunha intervención que traballa con grupos diferenciados segundo as súas capacidades, dun máximo de 10 persoas, con obradoiros especializados durante a xornada de mañá e de tarde e con programas especializados para persoas con Alzheimer, Parkinson e ACV.

A Asociación de Artrite de Santiago e Atendo asinaron recentemente un convenio a través do cal os socios e socias teremos un desconto do 15% sobre o prezo de tarifa no Centro de Día de Santiago de Compostela. Para poder beneficiarse desta oferta tan só hai que acreditarse como socio/a no momento de contratar o servizo presentando a tarxeta de socio/a da AAS.

O Centro de Día Atendo de Santiago está ubicado en Rúa de Fernando III 'O Santo', 30 e os seus datos de contacto son os seguintes: 
centrodediasantiago@atendo.es
Tlf. 981 93 77 10

23 de marzo de 2012

Obradoiros en colaboración coa Escola Galega de Saúde para Cidadáns



A Escola Galegade Saúde para Cidadáns do Sergas organiza, a proposta da Asociación de Artrite de Santiago, dous obradoiros que se celebrarán proximamente, e que incidirán en dous aspectos importantes relacionados coas enfermidades reumáticas: o obradoiro de intervención psicolóxica na dor e o obradoiro de saúde afectivo-sexual. Ambos son gratuítos.


 
INTERVENCIÓN PSICOLÓXICA NA DOR

Impartido polo psicólogo Marcos Calvo Martínez, e dirixido a persoas que padezan dor crónica, as súas familias, e a cidadanía en xeral.

Con esta actividade preténdese poñer a disposición dos pacientes unha ferramenta útil e eficaz no control da dor crónica e aumentar o autocontrol dos pacientes sobre a súa dor para elevar a súa calidade de vida.

No obradoiro traballarase sobre os seguintes temas:
  • Concepto xeral da dor, apoio psicolóxico ao paciente.
  • Estratexias de afrontamento da dor e adaptación á enfermidade.
  • Control da ansiedade e estrés.
Lugar: Hospital Clínico Universitario de Santiago, Aula 4D. Edificio Docencia.
Data: 18/04/12 de 18:00 a 20:00


SAÚDE AFECTIVO-SEXUAL

Impartido polas traballadoras sociais Isabel Redondo Zambrano e Patricia Otero Ramos, e dirixido a persoas con enfermidades reumáticas e cidadanía en xeral.

Abordaranse contidos como o papel dos hábitos de saúde sexual na poboación e na prevención da enfermidade, recomendacións para un sexo saudable, e a sexualidade en poboación adulta-anciá.

Lugar: Hospital Clínico Universitario de Santiago, Aula 3d. Edificio D.
Data: 22/05/12 de 16:30 a 20:30