Moitas veces temos mencionado neste blog a Coordinadora Nacional de Artritis (ConArtritis), pero nunca nos tiñamos parado a afondar en qué é e cómo traballa esta entidade.
ConArtritis representa ás persoas afectadas por Artrite
Reumatoide, Artrite Psoriásica e Artrite Idiopática Xuvenil e integra as diversas asociacións de pacientes en
todo o territorio nacional, potenciando as accións destas, coa intención de facer que a artrite
sexa unha enfermidade recoñecible e coñecida tanto polos propios
afectados e os seus familiares como polos profesionais da saúde, pola opinión pública e polas diversas administracións. ConArtritis, ademais, promove e coordina accións conxuntas entre as asociacións, co fin de aunar recursos e esforzos que permitan realizar accións de maior peso, e convértese no órgano de difusión das ideas, necesidades e opinións dos pacientes con artrite.
A nosa asociación comparte os obxectivos de ConArtritis, e por iso é unha das asociacións que a integran xa dende os nosos inicios, formando parte ademais da súa xunta directiva.
Dende a súa fundación, no ano 2004, ConArtritis converteuse nun referente a nivel estatal no ámbito desta doenza, o que queda constatado coa súa presencia en innumerables actos, colaboración en publicacións, xornadas, etc.
Aínda que son moitos os proxectos e colaboracións desenvolvidos neste tempo, destacaremos aquí pola súa relevancia e impacto a organización anual da campaña "Outubro, mes da artrite", dentro da cal se enmarcan as "Xornadas Nacionais de Artrite".
Máis información na súa web www.conartritis.org
0 comentarios:
Fai un comentario: