28 de outubro de 2011

Vivir con artrite: consellos (15)


Manteña unha dieta sa e equilibrada

Evite o exceso de grasa e sal así como o consumo de doces. Non hai alimentos especialmente contraindicados para a artrite reumatoide.


Extraído de “Calendario 2010: Consejos para la artritis reumatoide”, editado por Abbott e Elsevier Doyma e elaborado polo Dr. Rafael Goya Moscoso a partir das publicacións: Artritis reumatoide: Guía de la enfermedad para el paciente; ¿Qué es la artritis reumatoide?, e La dieta y las enfermedades reumáticas, editados pola Sociedad Española de Reumatoloxía

19 de outubro de 2011

Oferta Termas de Cuntis

Termas de Cuntis envíanos as súas ofertas para Asociacións no ano 2012. Os socios e socias da Asociación de Artrite de Santiago poden beneficiarse das mesmas.




14 de outubro de 2011

Estancia termal en Laias


Moi pronto poderemos disfrutar duns días no Balneario Laias Caldaria (Ourense). Será do día 6 ao 11 de novembro (de domingo a venres)

Pode asistir calquera persoa aínda que non sexan socios/as da AAS. Como vén sendo habitual, a Asociación dedicará unha partida económica para subvencionar a inscrición das persoas asociadas, polo que dependendo do número de asistentes pode variar o prezo. A estancia inclúe réxime de pensión completa, traslados, programa termal personalizado segundo criterio médico, así como outras actividades de animación e lecer.

A inscrición pode facerse xa, chamando ao teléfono 659084950 (de luns a venres de 10:00 a 13:00 h.)
Esperamos que vos animedes a vir. Agardámosvos!


A Asociación de Artrite nos medios

A Asociación de Artrite de Santiago está sendo noticia estes días pola campaña "Outubro, mes da artrite", que inclúe actividades como as mesas informativas nos hospitais e a celebración da VII Xornada Nacional de Artrite.
Estes eventos fixeron que nos últimos días se incrementase significativamente o interese dos medios de comunicación pola doenza de artrite, así como polas actividades e servizos da nosa asociación. Isto significa moito para nós, pois un dos obxectivos da asociación é a sensibilización e a visibilización desta doenza. 
Estas son algunhas das novas publicadas estes días:
Na sección "prensa" desta web pódese acceder a moitas outras noticias relacionadas coa artrite e coa Asociación de Artrite de Santiago.

10 de outubro de 2011

Gran acollida da VII Xornada Nacional da Artrite

A semana pasada tiveron lugar os actos da campaña "Outubro, mes da artrite".

O día 4 de outubro, no Hospital Provincial e no Hospital Clínico, instaláronse sendas mesas informativas polas que pasaron numerosas persoas interesándose por todo tipo de informacións relacionadas coa enfermidade de artrite.

E o día 6 de outubro, no Hospital Clínico, asistimos á VII Xornada Nacional de Artrite, onde tivemos oportunidade de escoitar ponencias moi interesantes: despois da inauguración e benvida da presidenta da AAS, Marisa Balado, o doutor Carlos González Juanatey achegounos información sobre o risco cardiovascular e o exercicio en pacientes con artrite reumatoide; a doutora Eva Pérez Pampín falounos sobre o medo dos pacientes aos tratamentos cando os realizan por primeira vez, e a nosa compañeira da asociación Inés Boo Ferro deu unha visión sobre o papel das persoas con artrite como cidadáns activos, e non só como "pacientes".

Como en edicións anteriores, quedamos con moi bo sabor de boca tras esta experiencia, e esperamos  que esta sensación sexa compartida por todas aquelas persoas que participaron dalgunha forma neste evento. A todos eles, queremos agradecerlle dende aquí a súa colaboración: as entidades patrocinadoras, pois sen elas non sería posible; os relatores e relatoras da Xornada, que nos aportaron a súa experiencia, coñecementos e consellos; as compañeiras que se encargaron das mesas informativas, que sempre están ao pé do cañón coa nosa causa; a Conartritis, que é a verdadeira artífice destas iniciativas, e como non, aos numerosos socios e socias da AAS e outros/as pacientes que asistiron, que demostraron o gran interese que esperta todo o relacionado coa mellora da calidade de vida nesta doenza.

Algunhas fotos destes días:

Algúns medios fixéronse eco da Xornada. As noticias publicadas poden verse na sección "prensa".

28 de setembro de 2011

Outubro, mes da artrite | 2011


Como en anos anteriores, a Coordinadora Nacional de Artrite (ConArtritis) celebrará o próximo mes de outubro a campaña "Outubro, mes da artrite".
O propósito desta campaña é informar a pacientes, familiares e cidadanía en xeral das peculiaridades da nosa doenza, onde responderemos ás súas dúbidas e achegaremos o material informativo que sexa necesario.
Baixo o lema "Implícate en saúde" preséntase este ano un programa de actividades que se realizarán en diferentes puntos de España, para concienciar ás persoas con artrite da importancia de coñecer a súa enfermidade e manter unha vida saudable, así como intentar dar a coñecer á poboación en xeral o que supón convivir con artrite.
O noso afán é mellorar a calidade de vida das persoas con artrite e queremos pedirche que te impliques en saúde, na túa saúde.
É moi importante para as persoas que sufrimos a enfermidade, as nosas familias, amizades ou o noso ámbito en xeral estar informado. O feito de mostrarse pasivo produce malestar e encerra grades dúbidas que tal vez non nos permiten realizar as nosas actividades diarias de forma satisfactoria, por iso nesta campaña pedímosche que participes, que te impliques.
Ofrecémosche coñecer a nosa enfermidade, informar dos tratamentos que existen e trataremos de dar respostas e apoio.

Os actos previstos para este ano son os seguintes: 
 
VII Xornada Nacional de Artrite: onde se creará un encontro e un espazo de coloquio entre pacientes e expertos na materia.
En Santiago de Compostela, esta xornada celebrarase en colaboración coa Asociación de Artrite de Santiago o día 6 de outubro na sala 1 do Hospital Clínico, a partir das 17:00 h.

Mesas informativas en hospitais, centros de saúde e centros de especialidades: onde se poderá encontrar toda a información para coñecer a enfermidade e resolver todas as dúbidas que se teñan.
Como cada ano, tamén a nosa asociación colabora nesta actividade, organizando estas mesas informativas no Hospital Clínico (entrada principal e de consultas externas) e no Hospital Provincial de Conxo (entrada principal), o día 4 de outubro.


31 de agosto de 2011

Novas actividades: Meditación e Chi Kung

Como cada ano, dende a asociación estamos a organizar algunhas actividades, que se desenvolverán no Centro Sociocultural de Fontiñas. Como novidade, este ano comezan as clases de Meditación e Chi Kung.

Ambas actividades están destinadas a mellorar o benestar persoal, e no caso das persoas que padecen algunha doenza, como artrite, pode repercutir de xeito beneficioso.

MEDITACIÓN
·        Horario: Xoves de 10:00 h. a 11:00 h. 
·        Lugar: C.S.C de Fontiñas. 
·        Inscrición a partir do 15/09. Socios/as: chamar á asociación (tlf. 659084950). Non socios/as: contactar co CSC de Fontiñas.
·        Prezo: 30 € / trimestre. Subvencionado para socios da AAS

CHI KUNG

·        Horario: Martes de 10:00 h. a 11:00 h. 
·        Lugar: C.S.C de Fontiñas. 
·        Inscrición a partir do 15/09. Socios/as: chamar á asociación (tlf. 659084950). Non socios/as: contactar co CSC de Fontiñas.
·        Prezo: 30 € / trimestre. Subvencionado para socios da AAS